Parte do piñeiral do Parador de Baiona sálvase da talla

Un xiro de última hora salvou da talla a dúas terceiras partes do bosque centenario situado no recinto que alberga ao Parador Conde de Gondomar en Baiona, que en total rolda as dúas hectáreas. A pesar de seguir afectada por unha praga de procesionaria, a zona arborizada composta maioritariamente por piñeiro non desaparecerá por completo tal e como anunciaron a mediados de maio.

Polo momento as actuacións, iniciadas a semana pasada, centraranse na eliminación do centenar de exemplares máis afectados concentrados na cara orientada cara á praia de Frades, ao ser a máis exposta ás erosións externas, e posteriormente comezarán coas tarefas preventivas para acabar coa invasión do lepidóptero. Unhas intervencións que se desenvolverán ao longo dos próximos dous anos e que supoñerán un desembolso a Paradores de Turismo de máis de 40.000 euros.

O director do situado en Monte Boi, Francisco Praza, explicou que os cambios adoptados responden á posibilidade de conservar unha das identidades da localidade miñorana aínda que tampouco descartan que nun futuro a masa arbórea teña que ser cortada por completo. “A pesar de que esta decisión vai carrexar un maior gasto económico é unha maneira de conservar unha das iconas do municipio, polo menos por agora”, explicou Praza. Así mesmo desde a cadea adiantaron que a repoboación por especies autóctonas quedará aparcada á espera de que o paso do tempo requira levar a cabo actuacións máis invasivas. “Ao traballar sobre unha zona moi localizada, a coroa peninsular non quedará tan exposta ás inclemencias como tiñamos previsto co que a plantación de especies autóctonas farase máis adiante”, aclarou

Os traballos de corte dos piñeiros están practicamente finalizados, mentres que os relativos a protección e prevención comezarán para a próxima semana. Aquí se levarán a cabo de dúas maneiras, por unha banda instalarán uns aneis na parte alta dos troncos que formarán unha barreira física ante a baixada da larva a través do mesmo, quedando depositadas nunhas bolsas contedoras que serán retiradas unha vez cheas. A outra modalidade consiste en inxectar unha substancia na base da árbore creando un pequeno depósito no seu interior, que ao ser absorbida pola madeira estenderá o líquido por todo o seu sistema vascular acabando coa praga.

Os traballos que inicialmente ían comezar en Semana Santa foron pospostos seis meses ao prever unha menor afluencia de clientela ao complexo. A madeira resultante das tallas será empregada para elaborar derivados e pasta xa que a elevada idade dos piñeiros existentes triplican nalgúns a idade óptima de corte, estimada en 35 anos, e aquí algúns de supéranos os 100.

20191208_153653B

Anuncios