Manifesto Miñor denuncia na Fiscalía as dedicacións por decreto do goberno municipal de Gondomar

Manifesto Miñor vén de denunciar os tres decretos de data 10 de xullo nos que se recollen as retribucións do alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, así como as dos membros do goberno municipal. Antonio Araújo recorda no seu escrito que o Real Decreto 2568/1986, de 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais, o Pleno corporativo determinará a relación de cargos da Corporación que poderán desempeñarse en réxime de dedicación exclusiva así como as contías que correspondan a cada un deles en atención ao seu grado de responsabilidade. Tamén corresponde ao Pleno establecer o réxime retributivo dos seus membros, do seu secretario xeral, do Alcalde, dos membros da Xunta de Goberno Local e dos órganos directivos municipais.

Araújo destaca que do exame do mesmo texto legal, dentro das competencias do Alcalde, “non atopamos ningún apartado ou apéndice que permita realizar o disposto con efectos públicos ao Alcalde, prescindindo do procedemento legal contemplado para todos os municipios do Estado”. “Entendemos que a falta de xustificación dos decretos é de manifesta orfandade legal, e a que se cita non é aplicable precisamente por ter tido un efecto consumtivo, esgotouse para o mandato anterior fora quen fora, e só o novo Pleno Corporativo, distinto do anterior, é quen de determinar prima facie estes aspectos”.

“A gravidade dos feitos que agora denunciamos perante a Fiscalía non é tanto o montante salarial, que dende Manifesto Miñor sempre consideramos excesivo para un goberno en minoría, senón que radica no xeito absolutamente irregular (e supostamente delictivo) de como foron adxudicados, por decreto e sen o máis mínimo amparo legal. Sen os informes preceptivos da Secretaria Xeral do Concello e da Intervención Municipal. Por suposto o desprezo pola Corporación Municipal e polas máis elementais formas democráticas non ten parangón. En Manifesto Miñor non imos pasar por ese tipo de burlas á Democracia, e menos nos tempos que corren. A mellor maneira de defender a Democracia, é practicándoa. Algo que o Sr. Ferreira sempre desprezou”, conclúe Araújo.