Enquisa en Gondomar: Estás a favor da humanización da Alameda?

O Concello de Gondomar, a través dun convenio asinado coa Deputación de Pontevedra, vai recibir máis de 1 millón de euros destinados á rehabilitación da Praza Manuel Alonso (Alameda). A intervención ten como obxectivo a recuperación da comunmente denominada “Alameda” e a súa contorna, para o uso fundamentalmente peonil. A idea principal deste proxecto é devolver o espazo público ao peón, cumprindo cos criterios da Rede Ágora e coa axenda 2030. Dispoñerase dunha superficie continua en toda a praza, eliminando a dobre altura existente, e por tanto mellorando enormemente a súa accesibilidade, e permitindo ademais unha comunicación transversal entre todos os espazos, así como mellorando a conexión coa Igrexa de San Bieito.

Ademais da humanización da praza, esta actuación permitirá o cambio das conducións de auga, a separación da rede de abastecemento e pluviais e a mellora da eficiencia enerxética coa substitución das lámpadas existentes por led, o que permitirá un importante aforro no consumo enerxético. Coa humanización desta praza, a contorna pasará a gañar máis de 1000 m2 de zona peonil, quedando unha zona mixta para circulación de vehículos e peóns integrada na mesma de 400 m2 con preferencia para peóns, pero manténdose o tráfico rodado ascendente pola rúa Manuel Losada e descendente pola rúa San Bieito de acordo ao proxecto aprobado polo Pleno da Corporación do 21 de abril.

O convenio de 1 millón de euros asinado por Concello e Deputación, forma parte do proxecto Reapcon posto en marcha polo anterior goberno provincial dentro do modelo Ágora que transformou a provincia, devolvéndolle o espazo aos cidadáns. O Concello licitou xa as obras e propoñerá ao Pleno do mes de outubro a adxudicación a Civis Global por un valor de 1.168.394 euros cun prazo de execución material de 7 meses.

ENQUISA CIDADÁ

Ante ás informacións contraditorias verquidas por algunhas formacións políticas ao respecto do proxecto, “que de forma interesada están a crear confusión”, o goberno local decidiu abrir unha enquisa pública para coñecer a opinión da cidadanía. Para que calquera que desexe participar teña a información precisa, nas seguintes ligazóns poderán acceder a toda a información:

DESCARGA DO PROXECTO