Máis de 42.000 quilos de alimentos recadados durante o Maio Solidario de Gadis

A Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo acaba de contabilizar un total de 42.455 quilos de comida recadados durante a celebración do Maio Solidario, impulsado por Gadis. Estes máis de 42.000 quilos de alimentos son o resultado das doazóns físicas e económicas entregadas polos clientes do supermercado, así como a achega realizada por parte da propia cadea de alimentación. Trátase dunha cifra récord, en concreto, son 13.000 quilos de produtos de primeira necesidade máis que os conseguidos durante a edición pasada do Maio Solidario, a realizada en 2022, cando foron 29.000 quilos de alimentos os rexistrados. A súa participación con máis de 400 voluntarios, a modo de reforzo desta acción solidaria impulsada por Gadis, levouse a cabo durante a primeira fin de semana de maio (o 5 e 6 de maio) en supermercados de distintas localidades da provincia: Vigo, Nigrán, Tui, Pontevedra, Bueu, Sanxenxo, Cambados, Vilagarcía e Lalín.

Maio Solidario de récord

Desde o Banco de Alimentos de Vigo agradécese de maneira especial a resposta da cidadanía que, unha vez máis, respondeu con gran empatía e compromiso á súa chamada. Que nos actuais tempos de crise económica cunha inflación que segue disparada alcanzárase unha cifra histórica neste Maio Solidario, merece un recoñecemento aínda maior. Así mesmo, destacan o labor fundamental dos voluntarios, o seu verdadeiro capital humano, xa que sen o seu altruísmo e xenerosidade regalando tempo a favor das persoas máis vulnerables, tampouco se conseguiría un resultado tan positivo. E, por último, grazas á empresa Gadis pola súa implicación e o seu apoio para que este Maio Solidario (onceava edición) volvese converterse nunha acción completamente consolidada e, ademais, nun éxito sen precedentes na historia deste Banco de Alimentos.

A Fundación Provincial Banco de Alimentos repartiu preto de 2 millóns de quilos alimentos durante 2022, un ano no que mellorou substancialmente a denominada cesta básica, adquirindo e repartindo alimentos máis saudables. Con carácter apolítico e aconfesional, na actualidade atenden a unhas 20.000 persoas en situación de vulnerabilidade da provincia ás que chegan a través de máis de 150 ONG e entidades homologadas coas que traballan.