A Cruz de Lampedusa peregrina desde Vigo a Baiona por mar

O Centro Stella Maris de Vigo, en colaboración con Salvamento Marítimo e a Autoridade Portuaria, trasladou este venres por mar a Cruz de Lampedusa desde o Porto de Vigo ao de Baiona, para sumarse así á homenaxe que esta Cruz peregrina renda ás vítimas da emigración que perderon a súa vida no mar.

Salvamento Marítimo, que posibilitou o rescate de tantas persoas, fixo o percorrido levándoa a bordo dunha das súas embarcacións. O embarque, ao que asistiu o presidente da Autoridade Portuaria, Jesús Vázquez Almuiña, foi ás 10:30 horas no peirao da Laxe. Tras unha breve parada no porto de Canido proseguiu a súa travesía a Baiona, onde foi recibida, entre outros, polo tenente de alcalde da vila mariñeira, Óscar Martínez, o concelleiro Ángel Rodal e o presidente do Monte Real Club de Yates, Jose Luis Álvarez. Logo foi trasladada á Igrexa de Santa María de Baiona.

Stella Maris quere solidarizarse de maneira especial cos acontecementos das últimas semanas, nos que miles de persoas arriscaron a súa vida cruzando a fronteira entre Marrocos e España.

A Cruz de Lampedusa, construída no ano 2014 por Francesco Tuccio con restos de barcas naufragadas fronte á illa italiana de Lampedusa, converteuse nun símbolo do drama da migración. Con máis de dous metros e medio de altura, metro e medio de ancho e un peso duns 60 quilos, a cruz foi bendicida polo Papa Francisco en 2014, non moito despois de que unha patera de migrantes naufragase fronte á illa de Lampedusa, deixando 366 mortos.

A súa peregrinación polo mundo, que continuará posteriormente ata Tui, pretende unha toma de conciencia sobre as causas e consecuencias da mobilidade humana, o achegamento a un problema global que afecta a todos, e a unión cos que participan e comprométense na súa solución.