
As Rías Baixas acollerán o vindeiro sábado a celebración dunha nova edición do Campionato Galego de A Dous, que un ano máis se celebrará baixo a organización do Monte Real Club de Yates, entidade que leva organizando a competición da Real Federación Galega de Vela de forma ininterrompida durante os últimos once anos.
A proba, enmarcada no Trofeo MRW, é unha das máis esixentes e emocionantes do calendario de regatas de Galicia, e ten previsto repetir o percorrido de anos anteriores. Aínda que as previsións meteorolóxicas tan oscilantes destes días e o paso da borrasca Óscar poderían motivar cambios no trazado, o comité de regata confía en poder manter a saída e chegada en Baiona, e a navegación ata o faro Camouco, na zona de Ons, pasando por Carallones, La Negra e Cíes.
Será ese o percorrido para as diferentes categorías que poderían poñerse en xogo dependendo do número de inscritos, que a falta de varios días para que se peche o prazo, xa vai por 37 veleiros. Son tripulacións formadas unicamente por dúas persoas que realizando todas as manobras a catro mans competirán polos títulos masculino, feminino e mixto de ORC e J80.
Entre os equipos inscritos ata o momento na clase ORC atopamos ao Aquilón do Monte Real, de Roberto Telle e Genoveva Pereiro, que este ano leva unha moi boa serie de podios; ao Sailway do Club Marítimo de Canido, tripulado polos mozos Edu Reguera e Iago Carrera; ao Deep Blue 2.1 do Real Club Náutico de Vigo, cuxo habitual patrón Vicente Cid navegará man a man con Javier Miguez; ou ao Asante Sana de Juan Carlos Trabazos e Joaquín Dasilva, do Liceo Marítimo de Bouzas.
Na competición dos J80 atoparémonos, entre outros, coas parellas formadas por Chisco Catalán e Laureano Wizner a bordo do Bica; o comodoro e secretario do MRCYB, Ignacio Sánchez Otaegui e Nano Yáñez no Cansino; a Javier Martínez Valente e Pablo Franco no Spaco ou Bernardo Macedo e Antonio Cunha no Mondo.
A cita, para todos eles, será o sábado a partir das once da mañá, hora prevista para dar o bocinazo de saída na baía de Baiona; con final ás oito da tarde coa entrega de premios aos gañadores.
Ademais dos premios do Trofeo MRW e as placas de Campións Galegos de A Dous, cabe destacar tamén que a competición volve estar dedicada, un ano máis, ao histórico presidente (durante máis de 40 anos) do Monte Real Club de Yates, Don Rafael Olmedo Limeses, poñéndose en xogo o IX Memorial Rafael Olmedo, cos seus correspondentes trofeos.
Na pasada edición do Galego de A Dous resultaron gañadoras as parellas formadas por Rui Ramada e Óscar Peixoto, en ORC masculino; e Fernando Yáñez e Manuel Fernández, en J80 masculino, ambos os dous do Monte Real. A mellor tripulación home-muller foi a formada por Brenda Maure e Jacobo Vecino, do RCN Vigo; e as campioas no apartado feminino foron Marta Ramada e Ana Sardiña, tamén do MRCYB.