Nigrán desbloquea o limbo administrativo do vello ambulatorio de Panxón ao acadar a súa cesión

O Concello de Nigrán gañará un novo local para o benestar da veciñanza en Panxón. Así, despois de 6 anos de trámites, ao fin vén de desbloquearse a situación administrativa do vello ambulatorio de Panxón ao obter definitivamente o informe favorable para a cesión por parte da Tesourería Xeral da Seguridade Social a cambio de destinalo a un fin de interese público. Así, no pasado mes de marzo foron achegadas as chaves ao Concello e nos vindeiros días se agarda que o ministro de Sanidade, José Manuel Miñones, asine o documento de entrega. Atrás quedan anos de burocracia entre servizos xurídicos do Concello, Notaría e Seguridade Social por non estar correctamente inscrito o edificio no Rexistro da Propiedade (a parcela vendida en 1975 por 17.275 pts en Poxa Pública por parte do Concello ao Instituto Social da Mariña permanecía nun limbo administrativo porque a Tesourería Xeral non a chegara a inscribir no Rexistro).

O obxectivo do Concello é rehabilitalo para adaptar a área dunha única planta a un centro para maiores e a outra a espazos para o uso da mocidade e incluso para algunha das actividades socioculturais municipais. Con este propósito, e tendo en conta o derradeiro informe favorable, o goberno consignou no derradeiro pleno do mes de abril 120.000 € para iniciar de xeito inmediato a reforma interior (en canto chegue a acta de entrega de Madrid). “Para a nosa sorpresa, e tras tantos anos pechado, mantense en moi bo estado interior, sen problemas nin de humidades nin estruturais”, explica o alcalde, Juan González, quen o visitou en marzo xunto a responsables da dirección provincial da T.G.S.S. “Atrás quedan anos de burocracia extenuante”, admite.

Precisamente, a escasos metros desta infraestrutura, está outra que viviu unha situación similar, o faro de Canido (Nigrán), que lucirá renovado ao longo do ano 2023. A Delegación do Goberno en Galicia confirmou a concesión de 232.730,25 € dos fondos europeos Next Generation para rehabilitar integralmente este edificio situado ao carón de Panxón e practicamente en situación de abandono tras quedar nun limbo urbanístico ata a modificación das normas subsidiarias no ano 2020. O obxectivo é reformar toda a planta baixa sen afectar ao seu volume e superficie para transformalo nun local recreativo de uso polivalente. A intervención non afectará á estrutura troncocónica do faro en si mesmo, que segue en activo cumprindo a súa función, se non á construción adxacente.

“Esta contorna gañará en cuestión de meses dous edificios para o uso da veciñanza que mellorarán a calidade de vida dos cidadáns e a propia imaxe da zona”, finaliza o alcalde.