Inicio inmellorable da Challenge Alacante Interior para o Vigo-Rías Baixas. Correndo na súa provincia, Tomás Miralles adxudicouse este venres a xornada con final en Castalla e vestiuse de líder. Trátase da segunda vitoria da tempada para a estrutura presidida por José Luis Chamorro nunha carreira do calendario RFEC.
Os ciclistas dirixidos por Paula Sanmartín exhibíronse a nivel táctico, de principio a fin, nos 136 quilómetros de percorrido. Nun terreo crebado, con tres portos de 3ª categoría e outros tres de 4ª, Tomás Miralles foi protagonista desde o inicio. “O vento foi engadindo dureza ao percorrido. Xusto antes de Castalla formouse un grupo de 12 corredores no que iamos Cristino Lanchas e eu. Iso permitiunos poder entrar ao circuíto con vantaxe e poder ir dosificando as enerxías”, apuntou o ciclista elite alacantino tras cruzar a liña de meta.
Unha vez que Miralles quedou sen a compañía de Lanchas na cabeza, o conxunto flúor moveu a carreira por detrás, permitindo ao seu representante na cabeza ir aforrando forzas. Eusebio Pascual formou parte do grupo perseguidor que acabaría conectando coa fuga. En total, catorce ciclistas xogáronse a vitoria no tramo final e nun repeito a falta de 4 km para a conclusión, chegou o movemento definitivo.
Miralles saltou en solitario e ninguén o puido seguir. A súa primeira vitoria coa camisola do Vigo-Rías Baixas conseguiuna en Castalla e con 11 segundos de vantaxe. Un triunfo que ademais o sitúa como líder da xeral. Pascual, o outro alacantino da escuadra flúor, terminou noveno e confirmou que non deixa de ir a máis tras arrancar o ano lesionado.
“Estou moi contento coas sensacións. viña facendo un bo traballo. Mañá sabemos que temos unha etapa moi dura por diante, pero darémolo todo para manter o liderado e o equipo estivo moi ben na primeira parte da etapa para neutralizar calquera corte que non nos conviña”, sinalou o gañador.
A Challenge Alacante Interior, proba de tres días, afrontará este sábado a súa xornada raíña. A etapa contará con 144 km e máis de 2.500 metros de desnivel acumulado. O tramo máis duro chegará a partir do ecuador do percorrido, onde se encadeará o Port de -Penyes Rojes (2ª categoría), por partida dobre, e o alto da Ermida de Polop (3ª) antes de afrontar a ascensión ao alto do Reconco (1ª).

