Un implacable Javier de la Gándara liderou na tarde deste sábado ao Okofen ao máis alto da clasificación da Liga de Inverno de J80, que o Monte Real Club de Yates vén organizando desde principios de ano na baía de Baiona.
Nesta cuarta xornada, e a só dúas etapas para que finalice o campionato, Gándara e o seu equipo lograron escalar desde a terceira posición á primeira. Fixérono con contundencia, liderando á frota de principio a fin, e sacándolles unha importante marxe aos seus rivais no momento de cruzar a liña de chegada.
Sentenciaron con comodidade as dúas probas que se celebraron cun vento bastante frouxo, que soprou do oeste cunha media de entre 5 e 6 nós. A pesar de que as previsións anunciaban que o vento desaparecería a media tarde, o comité de regata, presidido por Fernando Giraldo, animouse a dar saída a unha terceira proba que finalmente tivo que ser anulada a metade de percorrido porque o vento caeu por completo.
Co ascenso do Okofen á primeira posición, o Cansino do comodoro do Monte Real, Fernando Yáñez, que viña líder, é agora segundo, empatado a 13 puntos co Namasté de Luis de Mira. Ambos, e a pesar de estar algo afastados dos 7 puntos do Okofen, son as dúas tripulacións que máis posibilidades teñen de manterse no podio final.
A maior distancia atópanse, con 18 puntos, o Miudo liderado por Carlos Hernández; o Mondo de Bernardo Macedo con 20 puntos; o Luna Nueva de Juan Luis Tuero con 21; e o Pazo de Cea de María Campos con 22.
Pechan a clasificación o Cormorán II de Yago G. Robatto; e dous barcos que hoxe non puideron competir: o Virazón de Miguel Lago e o Cunichán de Javier Martínez Valente.
A próxima xornada de competición celebrarase o 23 de marzo e xa só quedará unha etapa máis, o día 6 de abril, para decidir ao vencedor da Liga de Inverno J80.
VARIOS RECOÑECEMENTOS A JAVIER DE LA GÁNDARA
Antes de retomar a Liga de Inverno de J80 o día 23, Javier de la Gándara recollerá, a próxima semana na Coruña, dúas das distincións que se entregarán na Gala da Vela Galega, organizada pola Real Federación Galega de Vela.
Un dos premios recoñéceo a el e ao seu equipo do Okofen, que forman Jaime de la Gándara, Diego Fernández e Hugo Ferreiro; como a Mellor Tripulación de J80 en Galicia en 2018. Foi un ano no que lograron, entre outras vitorias, a medalla de bronce no Campionato de España celebrado en Baiona.
De la Gándara tamén recollerá na Gala da Vela Galega a distinción especial que se lle concede ao proxecto “Galicia 93 Pescanova”, liderado polo regatista vigués. Este ano cúmprese o vixésimo quinto aniversario desde o seu regreso a Vigo tras lograr podio na Whitbread Round The World 93-94.




