Sin categoría

Os alumnos de Belesar finalizan a súa aventura arqueolóxica

O pasado venres o CEIP Plurilingüe de Belesar desfrutou da última xornada de prehistoria e arqueoloxía, dentro do proxecto anual “Camiñando pola Prehistoria” que se desenvolveu ao longo de todo o curso.

O alumnado coñeceu en primeira persoa os traballos arqueolóxicos dun xacemento da Idade do Bronce, desde as ferramentas que se utilizan ata os protocolos establecidos na recuperación e rexistro dos achádegos, entre os que se atopaba a réplica dun enterramento.

A actividade continuou no laboratorio de arqueoloxía, no que asumiron o reto de interpretar eses achádegos, catalogalos e achegarse a diferentes prácticas como o debuxo arqueolóxico ou o siglado de materiais.

Esta experiencia inmersiva non rematou aí, xa que os pequenos tiveron a oportunidade de converterse en rastrexadores da prehistoria, resolvendo diferentes probas relacionadas con aspectos da fauna ou da arte da prehistoria recente.

Por último coñeceron as orixes da metalurxia, afondando nas técnicas para obter a materia prima, o prezado ouro, ou a importancia do adorno persoal nunha sociedade en plena transformación.

“Dada a boa acollida desta iniciativa por parte do alumnado, esperamos continuar as nosas aventuras arqueolóxicas o vindeiro curso, con novas propostas que sigan a fascinar aos verdadeiros protagonistas: as nenas e nenos de Belesar”, aseguran desde o centro.