“Gastar 152.000 € nun pipicán e nunha pista de skate é un insulto á intelixencia”

Manifesto Miñor acusa ao alcalde de Gondomar de ignorar as necesidades básicas das parroquias e critica que “con aires de novo rico” anuncie a construción dun “pipicán” que custa 85.000 € e unha pista de skate de 67.000 € no centro da vila, a maiores, estragando dous parques públicos. “Paco Ferreira segue instalado na política de campanario: propaganda e venda de fume como se Gondomar fose un concello rico con todas as necesidades básicas cubertas”.

“O Sr. Alcalde ignora, burlándose da veciñanza, que estamos no medio dunha pandemia que non se lembra en cen anos e dunha crise económica e social que está precarizando a centos dos nosos veciños, que van tirando grazas ao apoio das redes familiares, ás axudas da emerxencia social ou, directamente da caridade que lle ofrecen algunhas ONGs”, afirma Antonio Araújo.

Manifesto Miñor pon de exemplo que o curso escolar vai comezar con centos de nenos que se verán atrapados pola fenda dixital ou pola carencia das ferramentas dixitais necesarias que lle permitan un ensino, ou o apoio ao mesmo, telemático axeitado. Cos 152.000€ que van custar o “pipicán” e a pista de skate, daría segundo Araújo para cubrir as necesidades do alumnado de Gondomar da falla desas ferramentas: tablets ou outro tipo de dispositivos.

“Obviamente, con 152.000 € daría para levar o saneamento a moitos barrios das parroquias de Gondomar que en pleno S. XXI carecen deste servizo ou, cando menos para inicialos: Zapa (Chaín); O Pereiro (Donas); Couso; ou mesmo no Barrio da Pedra en Morgadáns. Arranxar camiños, ou levar a auga pública a outros lugares do municipio que carecen deste servizo básico”, lamenta Araújo.

“Gondomar non é New York ou París onde son necesarios este tipo de espazos para as mascotas, senón que por sorte estamos rodeados de montes, ríos, etc. para levar os animais sen causar molestias a ninguén. Gastar 152.000 € nun “pipicán” e nunha pista de skate (xa temos unha), ademais de estragar dous parques públicos: o da Coelleira cun pegote de formigón e o futuro parque do tanque de tormentas co “pipicán”, é un insulto á intelixencia e unha burla ás persoas que necesitan cuestións de primeira necesidade”, conclúe o portavoz de Manifesto Miñor.

Dende Manifesto Miñor esixen do Goberno Local que deixe a propaganda para outra ocasión e que invistan eses cartos en emerxencia social, comedores escolares, material informático para o alumnado con menos recursos ou, en saneamento e auga pública nas parroquias. Que se poña a traballar para facilitar a chegada da fibra óptica ao rural e para que Gondomar poida ter canto antes un centro de día para as persoas maiores ou dependentes.