
Podemos propón a construción de vivenda para aluguer social na parcela municipal de 1.200 metros cadrados, da Avenida de Sabarís, onde se poderían construír 12 vivendas de promoción pública. Co obxectivo de “facilitar o acceso á vivenda, sobre todo aos mozos e á xente con menos recursos, que son os que teñen maiores dificultades e que teñen como única opción quedarse no domicilio familiar ou buscar vivenda noutros concellos”, recalca o candidato á alcaldía, Agustín Silva. “A Sareb conta ademais con varias parcelas nas que construír máis vivendas que permitirán encaixar perfectamente a estratexia de aumento do parque público anunciada estes días”, engade.
Esta proposta xurdiu tras unha iniciativa da formación a través do deputado de Podemos, Antón Gómez-Reino, quen levou a consulta ao Congreso para coñecer os detalles das parcelas e inmobles da Sareb en Baiona que, “xunto aos xa construídos, ou en proceso de construción, ascenderían a un total de nove”. Non entanto, Podemos estima que esta oferta “non cubre as deficiencias actuais existentes” no municipio e considera que “tamén é necesario utilizar as parcelas da entidade” como xa o solicitaron con anterioridade.
Neste sentido, o voceiro do partido critica ao goberno local ao sinalar que “as políticas de vivenda en Baiona son practicamente inexistentes como tamén o foron nos gobernos de Almuiña” e celebra que “por fin, tras moita insistencia, o Goberno do Estado vaia poñer a disposición as vivendas da Sareb” como propuxo a formación de Ione Belarra o ano pasado no Congreso para cumprir coa “finalidade social dunha entidade que pagamos todos” e que o Partido Popular aseguraba que non ía custarlle nin un só Euro á cidadanía. “Finalmente custounos uns 60.000 millóns de euros”.
Así mesmo, Silva aborda a política de vivenda como “tema central do seu programa” e engade esta proposta á creación dunha oficina técnica que lle permitiría ao Concello incorporarse á Área Rexurbe do Instituto Galego da Vivenda e Solo, para “recuperar inmobles deteriorados e baleiros no casco histórico”, onde se asesorará á veciñanza e se xestionarán os permisos e actuacións necesarias para a súa habitabilidade.