O grupo socialista leva de novo ao Parlamento as deficiencias da liña de bus Vigo-Val Miñor

FOTO: PABLO F. ESTÉVEZ // Autobús de Lugove ao seu paso por Nigrán.

A parlamentaria socialista Leticia Gallego vén de presentar unha serie de iniciativas parlamentarias nas que reflicte as queixas dos usuarios e usuarias da liña de autobuses entre Vigo e Val Miñor. Advirte que logo do cambio de concesionaria en decembro de 2020, a día de hoxe “seguen sen cumprir os horarios”, malia que inicialmente a conselleira de Infraestruturas anunciara unha redución dos tempos que nunca se cumpriu.

Esta é a segunda vez que o Grupo Socialista se ten interesado pola situación desta liña, xa que en novembro de 2021 lle reclamara á Xunta que fixera cumprir cos requisitos de limpeza diaria dos buses, a instalación de baños na cabeceira de cada liña para o persoal e o cumprimento dos horarios estipulados. Estas reivindicacións veñen sendo trasladadas polos usuarios e usuarias dende fai dous anos “sen que dende a Xunta fagan absolutamente nada”.

Explica que “a maiores, a día de hoxe son moitas as persoas usuarias da liña Vigo-Baiona que non poden utilizar este transporte diariamente porque non hai prazas nas horas punta e a empresa evita poñer vehículos de reforzo”.

Gallego apunta que o servizo actual resulta “absolutamente insuficiente” para asumir o aumento do número de viaxeiros que seguiu ao Real Decreto do goberno reducindo os abonos do transporte ao que se uniu a Xunta cun desconto adicional nos prezos do autobús autonómico.