Anuncios
Ticker de novas

Adrián Valverde deu continuidade en Burgos ao seu bo inicio de tempada

FOTO: JAVI LINARES // Adrián Valverde.

A paréntese da Copa Galicia de ciclocrós aproveitouna Adrián Valverde para desprazarse á provincia de Burgos e medirse aos mellores especialistas españois en dúas probas clásicas do calendario estatal. O baionés do Club Ciclista Rías Baixas disputou o sábado o Ciclocrós Medina de Pomar e o domingo o Ciclocrós Vila de Villarcayo. En ambas as dúas citas o representante do club miñorano terminou entre os 15 primeiros.

O líder Elite da Copa Galicia asinou na primeira carreira o seu mellor resultado da fin de semana. Valverde terminou duodécimo en Medina de Pomar, a 3 minutos e 24 segundos do gañador Aitor Hernández (Ermuko). Ao día seguinte a diferenza respecto ao vencedor, que volveu ser Hernández, foi menor (2:59), pero o especialista miñorano tívose que conformar coa 15ª praza en Villarcayo.

Tras dar continuidade en terras burgalesas ao seu bo arranque de campaña, Valverde retomará a próxima fin de semana a Copa Galicia. Na localidade pontevedresa do Porriño celebrarase o sábado a cuarta xornada puntuable do certame autonómico. O especialista de Baiona domina a clasificación Elite con 100 puntos de vantaxe e na táboa absoluta ocupa o segundo posto por detrás do sub-23 Iván Feijoo (Maceda).

O Club Ciclista Rías Baixas contou en Burgos con outro representante na categoría Elite. O madrileño Jorge González concluíu 44º en Medina de Pomar e 55º en Villarcayo.

Anuncios