Sin categoría

VI Serán e II Homenaxe ás Mulleres Valorosas de Peitieiros

Este sábado 25 de marzo ás 18:30 horas, o Centro Cultural de Peitieiros organiza o VI Serán que naceu no seu día como recoñecemento ás mulleres, nomeadamente as pandereiteiras, ao abeiro da conmemoración do 8 de marzo. Desde o ano pasado, a conmemoración adoptou a forma de homenaxe ás Mulleres Valorosas de Peitieiros, como preludio á música e á festa que encherán esa tarde de maneira espontánea e alegre como corresponde aos seráns.

O ano pasado, na súa primeira edición da homenaxe, recordaron a varias mulleres, que eran merecedoras dun recoñecemento público pola súa achega para facer “pobo”… alí estaban as parteiras, as mestras, as leiteiras, as tendeiras, as costureiras… etc. Todas elas traballadoras na súa casa ademais de “traballadoras sociais”. Porque foi á colectividade á que ensinaron (mestras e costureiras), axudaron a parir (parteiras), curaron ou puxeron inxeccións, mesmo creando riqueza económica (leiteiras).

Neste ano queren render homenaxe ás que aínda están con nós e grazas a elas sabemos un pouco de historia da parroquia. Mulleres que naceron nunha época de guerra (unhas antes e outras despois) pero todas elas nacidas na contorna da década dos anos 30 do século pasado e que foron nenas de andar descalzas, mozas de pouca escola e moito traballo no campo, mulleres de criar fillos e coidar vacas e leiras, algunhas viúvas dende moi novas, ou soas por mor da emigración… etc.

En resumo. Mulleres de vida dura…ou moi dura (depende o caso) e que temos a sorte de ter entre nós… E despois desta merecida homenaxe, continuarán coa música e os bailes de todas e todos os que se queiran achegar ao adro de Peitieiros nesta tarde de serán.