O goberno de Nigrán, a través do seu alcalde, Juan González, acusa á Xunta de Galicia de “mentir flagrantemente con fins políticos e en busca de rédito electoral” ao afirmar publicamente que praia América está contaminada. Os últimos controis microbiolóxicos nas zonas de baño de Galicia (realizados dende a Xunta os días 15 e 27 de agosto) son públicos e confirman que a calidade da auga en Praia América cumpre con todos os parámetros para que sexa considerada excelente e, polo tanto, é apta para o baño (http://www.sergas.es/Saude-publica/Documents/3736/20170901_ControisZB2017_PO.pdf).
“O dano que está causando a Xunta ao municipio dicindo esta mentira é irreparable, buscan confundir á veciñanza e visitantes xogando con algo moi serio. As súas propias analíticas son públicas e confirman que a calidade da auga en Praia América é excelente, o problema de contaminación é no río e está convenientemente sinalizado”, indica o alcalde, Juan González.
Segundo o goberno de Nigrán, a Xunta de Galicia está tratando de confundir a opinión pública dende o 9 de agosto, cando unha análise negativa na desembocadura do río Muíños revelou un problema de contaminación na canle que quedou atallado ese mesmo día e sen que volvese a afectar á praia, tal e como certifican as análises da Xunta e de Aqualia dos días posteriores e ata agora. “O problema persiste no río, hai carteis que prohiben o baño, na praia a auga é excelente. O certo é que foi un verán sen precedentes en Nigrán e están atacando onde poden facer máis dano a nosa imaxe, están empregando as peores das mentiras nun tema moi sensible, non teño dúbida de que se trata dunha campaña orquestrada dende a Consellería de Sanidade co único fin de desestabilizar un goberno consolidado como o de Nigrán”, sinala.
O goberno de Nigrán pedirá explicacións á Xunta de Galicia por todas estas mentiras que danan dun xeito irreparable a imaxe do municipio e tomará todas as medidas que estime oportunas para que se rectifique e se recoñeza a realidade dos feitos.
“A dilixencia deste goberno municipal se manifesta en que o 9 de agosto, en menos de 24 horas, resolveuse por un lado un atasco puntual na rede de saneamento no entorno de Gaifar (liquidado ás 17:00 horas) e por outro unha vertedura á rede de pluviais do SAU 3 (liquidado ás 20:00 horas). Sen embargo, a Xunta tardou 48 horas en comunicarnos unhas analíticas negativas e menos dun minuto en mentir descaradamente dando información falsa”. Nesta liña, Concello e a empresa concesionaria Aqualia seguen a traballar arreo para acabar con todas as verteduras que manteñen a contaminación no río, así, nos últimos días detectáronse e reparáronse dúas conexións de fecais a pluviais feitas no seu día pola Xunta na estrada autonómica PO-325 e que incidían directamente no río Muíños.


