Usuarios do Porto Deportivo de Baiona volven denunciar o mal estado das instalacións

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Porto Deportivo Baiona.

A Asociación de Titulares e Usuarios do Porto Deportivo de Baiona denuncia que a concesionaria das instalacións, pertencente ao grupo construtor COPASA, segue incumprindo as súas obrigacións legais de mantemento en correctas condicións das súas instalacións. “As condicións actuais dos pantaláns son deplorables, agravándose cada vez máis nunha inacción irresponsable da concesionaria, que pon en perigo a seguridade das embarcacións e mesmo das persoas, e o deixamento do organismo público Portos de Galicia”, sinalan.

Denuncian, unha vez máis, esta situación dun proxecto inacabado que non responde ao establecido no outorgamento da concesión, despois de máis de 17 anos de espera, e cun mantemento lamentable como quedou acreditado no informe da inspección de Capitanía Marítima de Vigo de 29 /9/20, e cuxo resultado declaraba textualmente o seguinte: “Dadas as importantes deficiencias detectadas consideradas todas elas como moi graves a criterio do técnico profesional deste funcionario, infórmase o Capitán Marítimo de Vigo, para os efectos oportunos e proponse incoar o correspondente expediente administrativo sancionador”.

“Xunto a este demoledor informe ao que se acompaña unha ampla reportaxe fotográfica das numerosas deficiencias das instalacións, a concesionaria fixo caso omiso e o mesmo o organismo competente Portos de Galicia que ten a obrigación legal de vixilancia das instalacións e do cumprimento das condicións da concesión, a pesar das reiteradas denuncias da AUPB. Ante a falta de resposta do PDB aos feitos denunciados pola Inspección citada, a AUPB en reunión coa presidenta de Portos Susana Lenguas, en agosto de 2022, solicitou unha auditoría profesional e independente da situación do PDB nestes momentos, coa nosa presenza”, afirman.

Con data 18/8/22 realizouse dita inspección, sen avisar a ningún representante da AUPB como se comprometeu a presidencia de Portos, e emitiu un informe asinado polo celador-gardapeiraos do Porto da Guarda que vén corroborar a maior parte das deficiencias reflectidas no informe da Inspección de Capitanía 2 anos antes. “Botamos en falta tamén por parte do Concello de Baiona unha intervención máis proactiva, máis aló das boas palabras que sempre se nos trasladaron, xa que esta situación do porto está a prexudicar tamén á imaxe de excelencia turística da vila de Baiona que ten que soportar unha fachada provisional con casetas de obra, desde hai máis de 17 anos. Dispón para iso da aprobación do Plan especial do Porto desde o ano 2015, que lle permite esixir á concesionaria a finalización do Porto Deportivo”, lembran.

“Nin o informe da Inspección de Capitanía Marítima de hai máis de 2 anos, nin o máis recente do gardapeiraos de agosto do ano pasado serviron para que o Porto Deportivo Baiona resolvera as graves deficiencias dos pantaláns, máis ben ao contrario, agraváronse ante a falta total e absoluta dun mínimo mantemento, demostrando nulo interese en cumprir as súas obrigacións. Por iso desde a AUPB remitimos escritos denunciando estes feitos de novo ante a concesionaria, COPASA e Portos de Galicia e tamén reclamando a intervención da Consellería do Mar, da que depende o organismo Portos de Galicia, e mesmo recorremos ao Valedor do Pobo, que xa admitiu a trámite a nosa reclamación”, lamentan.

Finalmente e con data 24/2/2023 Portos de Galicia aprobou unha resolución requirindo á concesionaria do PDB a reparación URXENTE dos danos denunciados pola inspección de Capitanía Marítima, polo gardapeiraos e pola AUPB. “Esta é a razón de facer este comunicado de prensa, para dar a coñecer publicamente estes feitos que non só están a prexudicar aos usuarios do porto senón tamén á Vila de Baiona que podería contar cunha mariña perfectamente similar á que ten outro municipio de excelencia turística como é Sanxenxo”, conclúen desde a Asociación de Titulares e Usuarios.