O Trail “5 Miradoiros” de Nigrán fusionará deporte e natureza con vistas espectaculares

O Concello de Nigrán estreará este mes de abril o seu propio Trail “5 Miradoiros” co obxectivo de fixar no seu calendario deportivo esta proba que fusionará deporte e natureza coas vistas máis espectaculares e descoñecidas do municipio. Este terá lugar o sábado 22 de abril pola tarde cunha proba de ascensión e escalonada de 3,5 km e saída desde Camos e o domingo 23 pola mañá con tres probas (trail longo, curto e andaina) e saída desde Chandebrito, pasando en todos os casos polas parroquias do interior: Camos, Chandebrito, Priegue e Parada. A inscrición para as diferentes modalidades está aberta ata o 18 de abril a través da web http://www.razapalleira.com, club que colabora na organización deste evento. O máximo de participantes será de 300.

“O percorrido destas probas resume o noso lema ‘Nigrán, Equilibrio Natural’: deporte, natureza e vistas espectaculares nunha contorna do noso municipio máis descoñecida e que vai sorprender moitísimo aos participantes”, avanza o rexedor, Juan González, quen considera que o propio deseño do itinerario (miradoiros de O Pericoto do Vilar, Sanomedio, Estripeiro, Outeiro das Señoras e Montecastelo) consolidará a proba desde a súa primeira edición. En total, haberá 4 tipos de probas. O sábado (17:00 horas) unha proba de ascensión con saída escalonada e percorrido marcado con saída desde O Xuncido (parte baixa de Camos) á caseta dos cazadores, no cumio da parroquia, o que implica medio quilómetro en vertical.

O domingo (10:00 horas) a proba será un percorrido marcado con dúas distancias (25 e 13 km respectivamente), que compartirán boa parte do seu itinerario. Ademais, haberá unha andaina de 13’5 km. O evento estará marcado pola normativa da Federación Española de Deportes de Montaña y Escalada (FEDME).