
O Concello de Baiona gozará esta fin de semana da celebración adiantada do Entroido. O consistorio e a Asociación de Empresarios e Comerciantes de Baiona (ACEBA) complementan esta celebración con distintas actividades durante estes días. Deste xeito, mañá venres a partir das 20:00 horas as rúas da Vila encheranse de ritmo coa música da charanga “Imperiais”. Xa o sábado, quentaranse motores pola mañá coa actuación a partir das 12:00 e ata as 15:00 horas da charanga “Va K Pinta”.
O concurso de comparsas de Entroido terá saída ás 17:00 horas desde a Avenida Urbana de Sabarís e percorrerán as rúas Santa Marta, Monterreal, Alférez Barreiro e Elduayen para terminar no Paseo Ribeira. Tras o desfile, terá lugar o tradicional Enterro da Sardiña. Pola noite, entre as 22:00 e as 00:00 horas, a charanga “Nova Cubana” ambientará as rúas do Casco Vello de Baiona. A música volverá encher de ritmo a localidade o domingo de mañá entre as 12:00 e as 15:00 horas coa charanga “Os Jaláticos”.
O Concello de Baiona adianta a celebración do Entroido. Aínda que a data oficial será a última fin de semana de febreiro, desde a Concellería de Cultura decidiuse adiantalo para que a súa celebración non estea tan próxima á festa máis popular da vila, a Arribada, que este ano se celebrará o 3, 4 e 5 de marzo, e que tamén encherá de fantasía, neste caso medieval, as rúas da localidade. Deste xeito, o Concello de Baiona será un dos primeiros en levar a cabo esta celebración.
Corte de tráfico da PO-552 polo desfile de comparsas de Entroido de Baiona
O Concello de Baiona, a través da Xefatura da Policía Local, realizará este sábado, 11 de febreiro, en xornada de tarde, un corte de tráfico progresivo e desvíos con motivo do desfile de comparsas de Entroido. O primeiro dos cortes producirase desde as 14:30 horas no carril dirección Vigo da Avenida Urbana de Sabarís ata as 16:30, cando o tráfico quedará totalmente cortado desde a rotonda da autoestrada en Sabarís (PO-552 Km. 14.500) ata a rotonda do Villa Rosa (PO-552 Km 17) ata o final do desfile, que se estima sobre as 20:30 horas. O tráfico será desviado por vías alternativas e pola circunvalación AG-57.