O Álvaro Cunqueiro despide a unha nova promoción de estudantes de medicina

O Hospital Álvaro Cunqueiro acolleu o acto de fin de curso para os 120 alumnos de sexto da Facultade de Medicina que cursaron os seus estudos de último ano de grao na Área Sanitaria de Vigo. Este ano, en cumprimento dos protocolos de seguridade fronte ao Covid19, os estudantes foron divididos en dous grupos, polo que se realizaron dúas despedidas oficiais.

Un curso que se iniciou en setembro e no que os alumnos recibiron formación, teórica e sobre todo práctica, en 7 materias: Clínica Médica, Clínica Cirúrxica, Clínica Obstétrica e Xinecolóxica, Clínica Pediátrica, Clínica Psiquiátrica, Medicina Familiar e Comunitaria, Urxencias e Servizos Centrais.

Durante este ano académico impartiron docencia 25 profesores asociados e 680 colaboradores docentes.

O xerente da Área Sanitaria viguesa, Javier Puente, que presidiu o acto xunto co doutor Alberto Fernández Villar, coordinador de Docencia de Grao, felicitou aos estudantes e agradeceu ao colectivo de colaboradores docentes e de profesores asociados “o esforzo e o compromiso coa formación dos futuros médicos”.

Este ano, a Área Sanitaria de Vigo difundiu un vídeo sobre a docencia de Grao ofertada nos centros sanitarios, no que diferentes profesionais poñen en valor tanto a estrutura, como os recursos e a organización da Área, pero, sobre todo, subliñan a dedicación humana prestada a este alumnado.