Baiona recupera a celebración da súa Gala do Deporte

FOTO: MIRIAM RODRÍGUEZ

A Concellería de Deportes do Concello de Baiona publicou as bases reguladoras dos premios da VIII Gala do Deporte que se celebrará o vindeiro 25 de marzo. O prazo para presentar as diferentes candidaturas está aberto ata o 20 de febreiro e poden concorrer a calquera das seis categorías recollidas nas bases: premio ao mellor deportista de Baiona 2022 (masculino e feminino); premio á mellor entidade deportiva 2022; premio ao mellor deportista de Base 2022 (masculino e feminino – ata 16 anos); premio ao mellor patrocinador deportivo Baiona 2022; premio ao mellor evento deportivo Baiona 2022. Tamén haberá mencións especiais de interese deportivo.

As persoas candidatas aos diferentes recoñecementos serán designadas polos diferentes clubs deportivos locais, federacións autonómicas ou por todas aquelas persoas interesadas que queiran presentar candidaturas nalgunha categoría, tendo que reunir como requisito obrigatorio estar empadroado/a en Baiona durante o ano a ser premiado. (Para os que opten ao premio). O modelo de proposta das candidaturas pódese obter presencialmente no pavillón municipal de deportes ou a través do correo electrónico deportes@baiona.gal, ao que se deberán enviar ditas candidaturas.

O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, sinala que a VIII Gala do Deporte ten como propósito “xuntar a toda a familia deportiva e social de Baiona realzando a importancia e interese que promove a nosa realidade deportiva na nosa poboación”. Así mesmo, destaca que tamén o que se busca “é recoñecer a dedicación de persoas, clubs ou entidades de Baiona no mundo do deporte, que coa súa actividade, ademais de transmitir valores inherentes e necesarios para toda a cidadanía, están levando o nome de Baiona ao máis alto alí para todos aqueles lugares nos que van amosar as súas habilidades deportivas”.

A entrega dos galardóns terá lugar o 25 de marzo ás 19:00 horas no Auditorio Municipal V Centenario. Nesta ligazón pode descargarse o modelo de proposta das candidaturas á VIII Gala do Deporte.