Somos Nigrán solicita responsabilidade ao Concello na xestión ética das colonias felinas

Actualmente en Nigrán existen 36 colonias felinas das cales 9 non contan con control poboacional e nas que existen numerosos felinos sen esterilizar. Isto supón un grave problema de benestar animal e de salubridade pública. A asistencia destas colonias está practicamente en mans dunha rede de persoas voluntarias, con escaso ou nulo apoio da Administración Local.

Con todo, a normativa vixente reflicte que a responsabilidade de xestión, coidado e salvagarda das poboacións de gatos ferais/comunitarios, son competencia dos concellos. A nova lei de Protección animal dedica dous capítulos a establecer o marco legal para o tratamento das colonias felinas, obrigando á súa xestión ética e orienta aos concellos cara a súa captura, esterilización e retorno, coñecido como método CER.

Desde Somos Nigrán solicitan ao Concello de Nigrán a implementación do método CER coa máxima presura, xa que é un criterio necesario para acceder á convocatoria de axudas económicas do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030. O que supoñería un menor gasto municipal nesta cuestión e o máis importante, a evolución na xestión ética das colonias felinas.