Anuncios
Ticker de novas

O arxentino Barrientos apontoa o persoal do Vigo-Rías Baixas

O Vigo-Rías Baixas presentouse o pasado sábado sen a presenza dos seus corredores de fóra de Europa. Un deses ciclistas que está a piques de aterrar na cidade olívica procedente doutro continente é o arxentino Julián Barrientos. Este ex profesional unirase á entidade presidida por José Luis Chamorro para converterse nun dos referentes do equipo.

Nado hai 24 anos na localidade de Santa Rosa, na Pampa, Barrientos xa defendeu a camisola do conxunto flúor. Na tempada 2017 disputou con esta formación a Volta a Zamora, unha proba na que brillou pola súa combatividade.

Ciclista todoterreo, alternou o campo profesional en Sudamérica co Elite e Sub23 en España. Ao máximo nivel pertenceu á estrutura do Equipo Bolivia e á arxentinas Municipalidade de Rawson e SET San Juan, conxunto no que militou a pasada campaña. Entre os seus resultados máis destacados durante o último ano sobresaen a vitoria nunha etapa da volta Dobre Bragado e o cuarto posto obtido no campionato nacional elite do seu país.

Gorka Beloki, mánager deportivo do Vigo-Rías Baixas, convenceu a Barrientos o pasado outono para que regresase a Europa. “Chamoume en outubro”, comenta o ciclista da Pampa, que desde entón foise preparando a base de “acumular moitos quilómetros e disputando algunha carreira en Arxentina para ir atopando o meu ritmo. Sentinme moi ben e estou con ganas de que cheguen as primeiras citas da tempada”.

O golpe de pedal que traerá do seu país confía en que lle sirva para brillar no arranque do curso: “O obxectivo é facer moi boas carreiras ao principio e poder estar a pelexar a Copa de España”. Esta incorporación é a duodécima do Vigo-Rías Baixas para o seu novo proxecto. Os pupilos de Iván Rodríguez iniciarán o seu calendario participando a fin de semana do 16 e 17 de febreiro no Memorial Manuel Sanroma.

Anuncios