Nigrán celebra os 10 anos de Teatro do Ar

Teatro do Ar, a compañía teatral de Nigrán, cumpre 10 anos e celébrano cunha gran gala teatral este venres 30 ás 20:30 horas no Auditorio do Concello de Nigrán coa que “festexamos o noso camiño, duro, pero tamén moi bonito, e agradecemos a todas as persoas que nos axudan cada a día a regar o soño que é Teatro do Ar”.

A gala de aniversario será unha obra de teatro en si mesma na que se conxugan varios xéneros dramáticos, dende a comedia ata o drama, e na que non só os actores e actrices de Teatro do Ar serán protagonistas, xa que no guión da gala tamén terán un espazo o alcalde de Nigrán, Juan González, os representantes dos Centros Culturais do municipio e o director do CPI Arquitecto Palacios, Antonio García. “Persoas e entidades ás que queremos agradecer o pulo que dan dende fai 10 anos á nosa compañía”.

Dende Teatro do Ar tampouco queren esquecer aos máis pequenos e pequenas, por iso, tamén organizan ás 11.30 horas no Auditorio do Concello varias actividades para eles e elas. “Haberá pintacaras, obradoiros teatrais, contacontos e recibirán a visita do Apalpador para que a nosa festa chegue a todas as idades”, explican. A inscrición é totalmente gratuíta e pode facerse aquí.

O alcalde do Concello de Nigrán, Juan González, anima a toda a veciñanza a asistir á festa “dun grupo de teatro formado pola nosa mocidade e que demostran cada día o seu talento e compromiso por encher de cultura o noso municipio”. O rexedor tamén destaca que iniciativas como a de Teatro do Ar exemplifican que os mozos e mozas de Nigrán “teñen ganas, capacidade e ilusión por crecer e facer do noso concello un lugar mellor”.

23 obras e varios premios despois

Teatro do Ar foi un soño que se regou nas aulas do CPI Arquitecto Palacios de Panxón. Alí, un grupo de adolescentes, decidiu lanzarse á aventura de crear a súa compañía teatral cando remataron a Educación Secundaria en 2012. Este venres, botan a vista atrás, e atopan 10 anos traballando pola cultura en Nigrán e un futuro moi ilusionante. Ata o de agora xa levan 23 obras presentadas. Ademais, crearon xunto ao Concello de Nigrán a primeira escola de teatro municipal, acumulan varios recoñecementos destacados: dúas mencións destacadas nos Buero Vallejo de Teatro Joven 2021 e 2022 que organiza Coca Cola, finalistas dos premios Xuventude Crea 2020 e son Premio Nigrán á Cultura 2022.

“Apostamos por un teatro propio para trasladar a toda a xente que nos ve a nosa forma de entender esta arte e o mundo que nos rodea”, explica o seu director e dramaturgo, Pedro Rodríguez, ao tempo que destaca “o forte compromiso que temos para facer do teatro un lugar para todos e todas, co que transmitir valores e co que mellorar a vida das persoas”.