Baiona dá a benvida ao 2023

Centenares de persoas encheron este sábado a Alameda Carabela Pinta de Baiona para recibir o novo ano 2023 ao son das Badaladas de Pinzón, organizadas polo Concello de Baiona e a Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona, tras o éxito das anteriores edicións, celebradas nos anos 2018 e 2019 na Rúa do Reloxo e na Praza do Concello respectivamente, e despois de dous anos sen poder celebralas por culpa da pandemia.

A encargada de abrir a festa foi a batucada “Bloquinho Aperta”, que ofreceu un pasarrúas polo casco vello de Baiona para terminar na Alameda Carabela Pinta, o lugar que se estableceu de maneira oficiosa para celebrar por adiantado a chegada do novo ano. Tras as pre-badaladas ás 00:00 horas, o grupo local La Patrulla pechou o evento cun concerto no que o público puido gozar das súas habituais versións de temas dos 80, 90 e actuais.

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, agradeceu a ACEBA esta iniciativa posta en marcha por primeira vez en 2018 e desexou a todos un Bo nadal e un moi bo ano 2023. O obxectivo é que o evento se converta nunha tradición non só para xente nova, “senón que a poboación máis maior do municipio e dos arredores, saian e veñan recibir o novo ano con antelación e a divertirse. É dicir, que se converta nunha cita permanente no calendario do noso BaiNadal”.