A reforma e ampliación dunha vivenda en Gondomar, Premio Gran de Area 2022

A reforma e ampliación dunha vivenda unifamiliar illada con garaxe, pérgola e piscina situada no lugar de Barga, na parroquia gondomareña de Donas, resultou ser unha das 16 candidaturas premiadas nos “Gran de Area de Aportación á Arquitectura”, unha aposta do Colexio de Arquitectos de Galicia nas provincias de Pontevedra e Ourense, para o recoñecemento do traballo de arquitectos, promotores, aparelladores, construtores e demais colaboradores necesarios, nas obras e proxectos de calidade desenvolvidos nas demarcacións de Vigo, Ourense e Pontevedra.

O xurado dos Premios Gran de Area 2022 estivo integrado por Manuel Martínez Carazo, Presidente da Delegación en Vigo do COAG; Rafael Castro Armesto, Presidente da Delegación en Ourense do COAG; Anselmo Villanueva Peón, Presidente da Delegación en Pontevedra do COAG; Fernando Sampil Sánchez, colexiado seleccionado entre os premiados das edicións anteriores; María Fandiño Iglesias, colexiada da Delegación en Vigo; Pablo López Prol, colexiado da Delegación en Ourense; Zaraida Martínez Sanmartín, colexiada da Delegación de Pontevedra; e María Luisa Pierres López, Secretaria da Delegación en Pontevedra do COAG.

O xurado elixiu o proxecto realizado polo arquitecto Antonio Soliño Troncoso por tratarse dun exemplo perfecto de intervención de rehabilitación e ampliación de vivenda nun ámbito rural, no que se conquire a perfecta harmonía e transición volumétrica entre a construción preexistente tradicional e os novos volumes, de acento intencionadamente contemporáneo. As 63 obras presentadas, englobadas en máis de 10 tipoloxías diferentes, son de carácter urbano, habitacional, industrial, comercial ou paisaxístico, e con escalas tamén moi diferentes, desde pequenas intervencións, case estratéxicas, a outras que incluso resolven espazos urbanos a escala de cidade.

Unha variedade de propostas, todas elas de alta calidade, que dificulta seriamente a labor do xurado e que finalmente atopa nas obras premiadas esas pequenas ou grandes aportacións á arquitectura do Sur de Galicia que entenden deben ser recoñecidas pola súa exemplaridade do bo facer arquitectónico, pero sen esquecer que son o resultado da colaboración exitosa de todos os axentes de obra, promotores, construtores e profesionais da arquitectura.