O “GondoNadal” inclúe máis de 25 actividades culturais, deportivas, solidarias e de lecer

O Concello de Gondomar vén de presentar o programa completo de actividades que se levarán a cabo durante este Nadal e que baixo o nome de “GondoNadal” inclúe máis de 25 actividades culturais, deportivas, solidarias e de lecer. Así o sábado día 3 inaugurouse a pista de xeo que permanecerá aberta ata o día 8 de xaneiro na pista de A Feira, ao lado do Pavillón Municipal de Deportes. Xa pola tarde no salón de plenos celebrouse un acto con motivo do Día da Discapacidade en colaboración co Centro Aprehendo e posteriormente abriu ás súas portas o Belén Artesanal en movemento, ao que despois seguiu un concerto do Coro San Vicente de Mañufe no Auditorio Lois Tobío. Como colofón á xornada celebrouse o acto de acendido da iluminación de Nadal. O domingo 4 a programación continuou cun Festival de Danza no Auditorio Municipal así como un Torneo de Tenis de Nadal.

Xa o 9 de decembro inaugurarase a exposición de árbores de Nadal no antigo matadoiro municipal, onde 10 colexios e asociacións de Gondomar decorarán árbores con elementos reciclados. Os días 10 e 11 de decembro na Praza Paradela e nas súas rúas contiguas e durante todo o día celebrarase un mercadiño para o que xa hai confirmada a presenza de máis de 40 postos de artesanía, agasallos, artigos de Nadal e comida. Ademais este mercado estará amenizado por un grupo de música en directo cada un dos dous días. Ademais o sábado 10 haberá un magosto no que se repartirán máis de 200 quilos de castañas asadas de maneira gratuíta.

O 16 de decembro no Auditorio Municipal a Escola de Música Sonbeat ofrecerá o seu concerto de Nadal. O 17 e tamén no Auditorio Municipal será a quenda do teatro coa representación da obra “Política Sentimental”. O día 18 chega a Gondomar unha das citas clásicas do Nadal, a Ruta Motera de Papanoeles, que este ano chega á súa décimo terceira edición e que terá a súa saída e chegada en Gondomar. Gondomar recibirá o día 23 a partir das 16:00 horas a visita de Papá Noel para recoller as peticións das nenas e nenos do municipio e seguidamente a Banda da Agrupación Musical de Vincios ofrecerá o eu tradicional concerto de Nadal.

O goberno de Gondomar é consciente das dificultades de pais e nais para a conciliación da vida laboral e familiar nestas datas de vacacións de Nadal, e por tanto un ano máis celebra o seu campus multideporte, que ademais ten un fin solidario coa recadación de alimentos para o Banco de Alimentos Municipal. Celebrarase do 26 ao 29 de decembro no Pavillón Municipal Bernabé Costas. O día 28 será a quenda das corais de Gondomar, que terán o seu espazo no Auditorio Lois Tobío coa celebración do Certame de Nadal. O penúltimo día do ano, as rúas de Gondomar encheranse de música coa actuación da Rondalla de Vincios, que percorrerá as rúas da vila.

Para rematar o ano, o día 31, Gondomar recibirá a visita do Apalpador, unha personaxe do Nadal máis tradicional de Galicia. As actividades retomaranse o 3 de xaneiro cunha Festa Infantil no Pavillón Municipal, na que os nenos e nenas poderán desfrutar de inchables, obradoiros e moitas outras actividades. O día 5, como xa é habitual, serán os Reis Magos os que visiten Gondomar, coa súa Cabalgata, que promete como cada ano ser espectacular.

O día de Reis, 6 de xaneiro, volve unha das citas ineludibles do calendario en Gondomar. Trátase do tradicional Certame de Rondallas de Reis, o máis antigo de Galicia e que está a seguir os pasos para converterse máis pronto que tarde en Festa de Interese Turístico de Galicia, xa que este certame reúne en Gondomar a miles e miles de persoas. O día 7 levarase a cabo o sorteo da campaña de apoio ao comercio local que o Concello desenvolverá durante todo o Nadal. Sortearanse 3.000 en premios entre todos aqueles que efectúen compras no comercio local por valor de máis de 5 euros. Para rematar esta extensa programación de Nadal, o 8 de xaneiro é a quenda da danza, co festival Ldanzia no Auditorio Municipal.