O PP de Nigrán reclama que se atenda ás persoas que levan un ano en lista de espera de atención domiciliaria

O Partido Popular de Nigrán manifesta a súa indignación pola falta de asignación orzamentaria para ampliar a axuda a domicilio no Concello, “cando o Sr. Alcalde, está a asignar cantidades importantes de diñeiro público, que é de todos, en tobogáns, parques de auga ou parques forestais (máis de 1.000.000€ só entre as tres mencionadas), cando debería atender primeiro aos nosos maiores”. “Non hai escusa posible para manter máis dun ano a 20 persoas en grao 3 de discapacidade, sen a prestación, familias que nalgúns casos non lles chega a tempo polo falecemento do familiar, algo verdadeiramente escandaloso”.

“E o máis escandaloso, é que no peor dos casos ao Concello pódelle custar esta axuda 40.000€ anuais, unha minucia comparado cos dispendios das ocorrencias “busca votos” do Sr. Alcalde, que non para de anunciar obras e esquécese dos nosos maiores. É incrible que un partido como o Partido Socialista, que alardea da súa actividade social, deixe abandonados aos nosos maiores. Isto é urxente e importante, polo que debería poñer en marcha canto antes solucións para estas familias”, critican os populares.

A maiores, segundo o PP, e a pesar das constantes queixas dos usuarios do Banco de Alimentos, o Alcalde non quere facer un contrato de subministración que garanta o axeitado nivel de produtos, sobre todo frescos. “Agora mesmo é un servizo precario, cando é moi fácil reverter esta situación cun contrato de subministración. Unha vez máis, demóstrase a falta de empatía e xestión do Sr. Alcalde, os usuarios do banco de alimentos impórtanlle moi pouco”, conclúen.