Somos Nigrán: Nace un novo espazo político municipal

Desde hai meses vénse traballando un novo espazo político no municipio. Somos Nigrán nace como unha nova alternativa política formada por veciñas e veciños profundamente comprometidos coas problemáticas de Nigrán e militantes de Podemos cunha marcada implicación social.

“Ante o rumbo que a política municipal está a tomar neste Concello, onde o actual goberno desatendeu os servizos básicos ano tras ano, decidimos dar un paso á fronte e crear unha vía de participación veciñal baseada na honestidade, transparencia, tolerancia e o consenso”, manifestan desde a nova agrupación.

Desde Somos Nigrán non teñen dúbidas de que para unha boa xestión do Concello é necesario poñer en práctica políticas innovadoras que poñan no centro ás persoas. “Para nós é primordial o traballo colaborativo coa cidadanía, a comunicación ten que ser permanente para atender aos reclamos e opinións sobre os proxectos municipais”.

A formación está preparada para presentarse ás próximas eleccións municipais de 2023, e teñen o obxectivo de crear unha forza arraigada no municipio que sexa decisiva para o futuro. “Este é un proxecto aberto á cidadanía, polo que convidamos ás veciñas e veciños de Nigrán a que se poñan en contacto coa nosa agrupación no correo electrónico somosnigran@gmail.com, xa sexa para ser partícipes desta iniciativa, ou para trasladarnos as súas inquedanzas respecto ao municipio”.