O temporal causa desperfectos na contorna do talaso natural de Monte Boi

O Concello de Baiona solicitará á Xefatura Provincial de Costas nos próximos días, unha vez que conte cos informes técnicos municipais, as autorizacións necesarias para arranxar os desperfectos causados polo mal tempo na zona do paseo de Monte Boi anexa ao talaso natural. As chuvias e a ondada da madrugada de onte levantaron a pasarela de madeira e os accesos acondicionados cando se acometeu a actuación para poñer en marcha o talaso natural.

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, asegura que en canto o Concello teña as autorizacións pertinentes e o tempo acompañe, procederase a arranxar os desperfectos para garantizar a seguridade na zona. “O PP investiu máis de 150.000 euros e destinou fondos europeos a unha actuación mal executada, o espazo non soporta as ondadas do inverno e necesita continuas actuacións de reparación, tanto nas instalacións do talaso como agora nos accesos”, lamenta Gómez Prado.

Nos últimos dous anos, os temporais do inverno provocaron o desmantelamento das instalacións. Produciuse en primeiro lugar o desprazamento dunha das bombas do talaso, xa que non estaba debidamente instalada en sumersión. Posteriormente, o desprazamento desta bomba trouxo consigo o desprazamento dos tubos e o cableado da instalación, polo que o sistema de bombeo de auga deteriorouse en moi pouco tempo pola acción do mar.

“Un capricho do PP que lle sae moi caro aos veciños e veciñas de Baiona: impulsaron un proxecto sen sentido e os técnicos que revisaron as instalacións puxeron de manifesto en varias ocasións que non se executou de forma axeitada”, remata o alcalde.