“Remata o mandato municipal coa Mancomunidade do Val de Miñor na UCI”

Manifesto Miñor considera que a Mancomunidade do Val de Miñor foi unha boa idea “lamentablemente frustrada pola incapacidade política dos diferentes gobernos que tivo nos últimos anos, sobre todo cando se decataron do seu potencial como ferramenta para transformar a comarca prestando servizos baseados nunha economía de escala e que implicaba a perda do control caciquil dos mesmos. Así foi como comezou o seu declive. As únicas iniciativas que aínda perviven, algunha delas esmorecendo tanto pola desidia do goberno da Mancomunidade como pola nula iniciativa política da oposición, fainos presaxiar que posiblemente esteamos asistindo á morte inducida desta institución. Mágoa”.

Antonio Araújo pon como exemplo a xestión do GES e da Piscina Mancomunada, “cuxa problemática é pública grazas a que os propios usuarios ou traballadores dos mesmos fixeron que saíse á luz”. “Dá a medida do pouco interese que teñen pola Mancomunidade os tres alcaldes da comarca (PSOE), que prefiren tela adormecida no canto de poñela ao servizo da veciñanza e de paso non contrariar demasiado ao Alcalde de Vigo con reivindicacións que lle poidan molestar, como por exemplo demandar un verdadeiro transporte metropolitano onde se integre Vitrasa”.

O voceiro de Manifesto Miñor recorda que polo camiño quedaron o parque de maquinaria ou o psicólogo mentres, o Centro de Día situado en Sabarís funciona ao 40% da súa capacidade dez anos despois de ser inaugurado. “O caso da Piscina Mancomunada morrerá coa apertura dun expediente eternizante que non servirá para nada, pois moito antes a empresa concesionaria levantará bandeira (quédanlle seis meses de contrato) e quedaremos sen este servizo tan importante”.

Con todo, para Araújo a palma da desidia lévaa a xestión do GES, “que a maiores dos problemas internos que levan anos enquistados e que son de raíz laboral, agora acabamos de coñecer que o novo Parque Comercial en Porto do Molle que está a piques de se inaugurar, no Plan de Autoprotección que lle dá cobertura, dise expresamente que en caso de incendio o parque de bombeiros de referencia será o de Vigo situado na Avda. Ricardo Mella, a case 30kms do polígono, cando as instalacións do GES están xustamente a carón de Porto do Molle, a 300 mts. Supoñemos que o resto das empresas e naves do Polígono están igualmente vinculadas ao devandito parque de bombeiros. A pregunta é que pasaría se en caso de precisar dos bombeiros de Vigo, estes están traballando noutro lugar?”.

“Se cadra isto explica o pasotismo institucional e desmantelamento controlado do GES, no canto de aumentar o persoal e os medios do mesmo para atender unha comarca con máis de 50 mil habitantes fixos e dous polígonos industriais”, conclúe Araújo.