Concentración na Ramallosa polo 25 de novembro

O vindeiro 25 de novembro conmemórase o Día Internacional contra a Violencia, no que se trata de denunciar toda clase de actos violentos contra as mulleres e nenos. A Asociación de Mulleres Area Loura e o Comando Ghichas, convocan a toda a cidadanía a concentrarse este 25 de novembro ás 20:00 na Ramallosa con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero.

Desde a súa institución, son moitos os avances logrados, pero aínda queda moito por facer. Unha proba diso, son as 48 vítimas de violencia no que vai de ano, “e non debemos esquecernos dese perigoso discurso da ultradereita que desde as bancadas do Parlamento nega sistematicamente o machismo e os malos tratos, á vez que ignoran e desprezan calquera demanda feminista”.

“Temos que continuar berrando e clamando contra a violencia machista, contra os feminicidios, contra o machismo e o patriarcado, que aínda permanecen moi vivas na nosa sociedade. Queremos lembrar a todas as asasinadas, non son ningún número, teñen nomes e apelidos, e berrar por elas e por nós: Nin unha vítima máis, o machismo mata! Quéremonos vivas, libres, iguais e respectadas!”, conclúen desde a organización.