Máis de 1.100 participantes no desfile escolar de Entroido de Gondomar

Máis de 1.100 participantes, alumnado e profesorado dos diferentes centros educativos de Gondomar, participaron na mañá deste venres no tradicional desfile escolar de Entroido. Ás 11:00 da mañá as comparsas participantes de cada un dos centros educativos de ensinanza primaria e secundaria da vila concentráronse no aparcadoiro do pavillón municipal para posteriormente percorrer as principais rúas de Gondomar, nun desfile cheo de música, cor, disfraces e coreografías.

O ecuador do percorrido estableceuse na Praza Paradela, onde un grupo de rapazas e rapaces do Centro Juan María agardaban con impaciencia a chegada das comparsas, uníndose nalgúns casos aos seus bailes. O Desfile Escolar de Gondomar xa é unha tradición que cada ano que pasa convoca a máis participantes, incluso este ano un centro educativo de Nigrán quixo tamén sumarse a este desfile.

Presentación do “Meco”

Esa mesma mañá o alcalde Paco Ferreira desvelou a temática do Meco, un elemento que por primeira vez chega ao Entroido de Gondomar. A escultura efémera que estará instalada na Praza Paradela ata o martes 21, antes de ser queimada durante a celebración da verbena na Praza de San Bieito, representa diferentes elementos entre os que se atopa o edificio do propio Concello, simbolizando estar ameazados polas inundacións e as enchentes do río.