Arte e igualdade mestúranse no CPI Cova Terreña

A programación organizada pola Concellería de Igualdade co gallo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, “Novembro Lila”, continúa coas súas actividades. A Concelleira de Igualdade do Concello de Baiona, Yasmina Moreira Costas, achegouse hoxe ata o CPI Cova Terreña para coñecer o obradoiro “Afinidades Diversas” e acompañar a Anne Malgogne Dumesnil “Amadu”, Brigitte Darras Dit “Bivan”, Fabbienne Alliou-Lucas, as artistas francesas que xunto coa artista baionesa Irene Silva, están a impartir ao longo da xornada unha serie de obradoiros para o alumnado de 1º da ESO neste colexio baionés. A delegación francesa de artistas de Pornic e a artista baionesa tratan con este obradoiro de dar visibilidade ao traballo das mulleres artistas que ao longo da historia da arte virou o seu traballo invisibilizado. Os obradoiros tamén contan cunha parte práctica na que o alumnado deixa voar a súa imaxinación.

Este ano a Concellería de Igualdade do Concello de Baiona vai aproveitar o aniversario do irmandamento con Pornic para abrir o círculo e integrar a mirada de artistas francesas, as cales forman parte da programación, non só expoñendo as súas pezas, senón tamén dirixindo estes obradoiros para o alumnado dos centros educativos do municipio. Entre as actividades estrela desta edición 2022 atópase a exposición e o encontro coas artistas “Afinidades Divesas” que se inaugura mañá as 19:00 horas no Multiusos Mercado de Sabarís. Anne Malgogne Dumesnil “Amodu”, Brigitte Darras Dit “Bivan”, Fabbienne Alliou-Lucas, son as artistas francesas que xunto ás artistas baionesas Irene Silva, Mar Caldas e Elvira Jardón expoñerán os seus traballos ata o 27 de novembro no Multiusos Mercado de Sabarís, podendo visitarse os sábados de 16:30 a 19:00 horas e os domingos de 16:30 a 19:30 horas, unha oportunidade moi valiosa para tecer lazos e traballar en proxectos comúns no futuro. (Para visitas grupais concertar cita no teléfono 620065056).

O “Novembro Lila” é un programa deseñado para dar visibilidade á lacra da violencia machista coincidindo con motivo do 25 N, Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Trátase dunha programación que abarcará todo o mes de novembro e contará cunha importante presenza feminina, cuxas pezas e traballos contan historias vividas e sentidas por mulleres.