
O Concello de Gondomar abriu hoxe o prazo de solicitude para a instalación de postos de venda na terceira edición do seu Mercado de Nadal que se celebrará na Praza Paradela os días 10 e 11 de decembro. As bases están xa publicadas na páxina web municipal. Os interesados deberán descargar a solicitude correspondente e entregala no rexistro municipal de forma presencial no caso de particulares e de forma telemática no caso de empresas.
Poderanse instalar postos de artesanía e manualidades, restos de stock, ou produtos típicos de Nadal, así como de alimentación. A cesión de espazo é gratuíta e serán os interesados os encargados do subministro do material necesario para a confección do posto, así como a súa decoración con motivos relacionados co Nadal, tal e como recollen as bases da convocatoria. O prazo de solicitude rematará o 1 de decembro.
O Concello solicitará aos interesados unicamente a achega simbólica de 1 quilo de alimentos, que será destinado ao Banco de Alimentos de Gondomar.