Víctor Bargiela toma posesión como párroco de Gondomar, Donas, Mañufe e Peitieiros

Este mediodía Víctor Bargiela tomou posesión como párroco de San Bieito de Gondomar, Santa Baia de Donas e o seu anexo, San Cibrán de Donas, San Vicente de Mañufe e San Miguel de Peitieiros, nunha Eucaristía presidida por Mons. Luis Quinteiro Fiuza, bispo da Diocese de Tui-Vigo, celebrada na Igrexa Parroquial de San Bieito.

“Hoxe Víctor chega a vós para crear unha historia nova destas parroquias, cheas de vida, cheas de ilusión. Cada un de nós temos que esforzarnos por traballar xuntos, por colaborar. A gran riqueza dos seres humanos é que podemos compartir a vida. Víctor vén a vós a compartir convosco a vida. Por iso é un gran momento”, apuntou o bispo na súa intervención.

Tamén tivo palabras de agradecemento para Juan José González, párroco de Gondomar e Peitieiros os últimos once anos, oito en Mañufe e case catro en San Cibrán e Donas, e que agora inicia unha nova etapa na parroquia de Santa María da Guarda. Onte foi despedido por veciños e veciñas das cinco parroquias.