As peculiares inquietudes dun miñorano amante do espazo

FOTO: PABLO F. ESTÉVEZ // Félix Costas na súa vivenda de Morgadáns apoiado sobre un dos dous observatorios dotados de telescopios interiores. Á dereita unha nova maqueta.

A capacidade de inventiva deste veciño de Morgadáns en Gondomar non ten fin. Félix Costas, electricista de 64 anos e xubilado desde fai oito ten un auténtico parque temático no seu xardín. As súas grandes obsesións, a astronomía, a caza de extraterrestres e algunha que outra colección canto menos singular, ademais de comer velutinas fritas como aperitivo. A paixón polas naves espaciais vénlle de lonxe pero non foi ata fai cinco anos cando se decidiu a montar dous foguetes a modo de observatorios, o lunar e o destinado a ovnis, bólidos ou humanoides. Pasa as noites despexadas observando as estrelas e a estación espacial internacional a través dun telescopio e onde a miúdo e sen querelo cóllelle desprevido.

Hai poucos días engadiu un terceiro que “supostamente” está orientado a Marte, rotulado con “Apolo Gulfar 1” e un “que a forza che acompañe”. Esta frase non está posta por azar porque como é de supoñer, tamén é fan de “A guerra das galaxias” entre outras obras de ciencia ficción do xénero. Conta con varias maquetas colocadas en diferentes puntos do xardín como un challenger, un helicóptero “Huey” que lembra aos da guerra do Vietnam ou mesmo un F14 e todos coas súas luces e efectos de estrobo. A súa última incorporación a esta peculiar colección será a cápsula lunar a escala que levou a Amstrong e Aldrin a pisar a lúa no 69, aínda en construción. Tamén ten en mente reproducir un gran submarino, outro dos vehículos polos que se sente atraído, de tres metros de longo e co espazo interior suficiente para albergar a unha persoa.

Pode soar excéntrico e o certo é que este gondomareño non pasa inadvertido ata o punto que esperta a curiosidade de moitos dos ciclistas que pasan pola súa vivenda a escasos metros do emblemático Bar Salón. Segundo asegura leva investidas decenas de horas “nas súas cousas” e máis de 20.000 euros.

Como bo cinéfilo conta cunha sala de proxección doutra das estancias da súa vivenda, o “segundo nivel”, equipada cun dispositivo que é capaz de reproducir películas a distancia, altofalantes, luces e unha infinidade de cachivaches. Como lle gusta rizar o rizo, mentres ve as súas películas favoritas reproduce outras tres en televisores independentes, segundo explica “para estimular o cerebro” para que a experiencia vólvase aínda máis psicodélica se cabe. Ademais nas noites de verán leva un xerador ao monte e dá renda á súa imaxinación cinematográfica en plena natureza.