Falece Juan Vázquez, propietario da mítica discoteca Novecento de Gondomar

Este luns faleceu aos 72 anos de idade Juan Francisco Vázquez Alonso, propietario do Restaurante La Vitrola, da Cafetería Breogán ou da mítica Discoteca Novecento de Gondomar. Por esta última foi homenaxeado no 2017 polo Concello, ao consideralo “un referente cultural e musical dos anos 80 e 90”, creando ademais un festival que leva o nome da sala de festas.

O alcalde, Paco Ferreira, mostrou o seu pesar a través de Facebook. “Hoxe desgraciadamente deixounos unha grandísima persoa, un amigo, un mestre, pai de moitos de nós e icona xeracional. O que tantas alegrías brindounos ao son da mellor música, impertérrito, home de saúdo sereno e firme, reverencial e movemento de bigote ancho de lado a lado que sentaba cátedra ao paso de décadas. O que fixo que Novecento fose sinónimo de movida e Vigo un pobo á beira de Gondomar”.

“Juan Vázquez, Breogán, Novecento, El Cine, blues, coutry, pop, rock…, ou aquel temazo cowboy de media noite co que sempre pechaba a sesión nocturna, precedido doutro, que a el tanto lle gustaba, señor azul, emprazábanos ata mañá, ser bos, frase que tanto utilizaba para despedirnos… Lembrarémosche sempre mestre. Gondomar débeche moito e moitas xeracións tamén, eu por suposto”, concluía o rexedor.

Tamén tivo palabras de recordo Antonio Araújo. “Na parroquia dos mortos debían necesitar unha boa persoa, e que ademais soubese de música… e chamaron a Juan Vázquez. Estou en shock. Vaise un home discreto, honesto, comprometido… un amigo. Ninguén fixo tanto como el, e con tanta calidade, pola diversión e o lecer das varias xeracións de gondomarenses: Cafetería Breogán, as discotecas Novecento e El Cine e nos últimos anos a pizzería La Vitrola. Que a terra che sexa leve amigo”.

Os funerais serán este martes, 25 de outubro, ás 17:15 na igrexa parroquial de San Vicente de Mañufe. A continuación, os seus restos mortais serán incinerados no Tanatorio Vigomerial, na intimidade familiar.