Nigrán estrea o documental “La cárcel de curas” coa presenza do seu director e tres protagonistas

O Concello de Nigrán ofrece este xoves 20 de outubro ás 20:00 horas no Auditorio Municipal a proxección do documental vasco “La cárcel de curas” coa presenza do seu director Ritxi Lizartza e os ex curas condenados Xabier Amuriza, Juan Mª Arregi e Anxo Currás, cos que o público poderá establecer un coloquio posterior. O acto encádrase na programación do “Mes da Memoria” do Concello de Nigrán e supón practicamente a estrea en toda Galicia (o mércores 19 estará en Catoira, o xoves 20 en Nigrán e o venres 21 en Baiona). A entrada é de balde ata completarse o aforo.

Zamora contou de 1968 a 1976 coa única prisión concordataria do mundo, é dicir, destinada a sacerdotes subversivos co beneplácito do franquismo e o Vaticano. Catro relixiosos presos alí volven visitar este lugar onde foron condenados, nalgúns casos, a penas de máis de dez anos por denunciar a represión franquista nas súas misas. O documental narra a historia da viaxe real ao que foron sometidos 53 curas de Madrid, Galicia, Cataluña e País Vasco no seu traslado forzoso ao devandito penal.

O propio traballo relata a enxeñería que tivo que facer o réxime para habilitar este cárcere. En pleno franquismo, os acordos coa Santa Sede establecían que un sacerdote non podía ser xulgado por un tribunal civil sen o permiso da autoridade eclesiástica. O réxime, con todo, utilizou o propio Concordato co Vaticano para xustificar a posta en marcha da prisión. O paso por Zamora supuxo unha experiencia moi traumática para os reclusos (a maioría acabou deixando os hábitos), esta era unha das prisións máis frías de España e non estaba preparada para estancias longas.