A Xunta creará o Centro Galego de Control e Prevención de Enfermidades

A Xunta de Galicia creará o Centro Galego de Control e Prevención de Enfermidades, dependente da Dirección Xeral de Saúde Pública, en busca da excelencia na vixilancia epidemiolóxica, e con fin de protexer e mellorar de maneira equitativa a saúde e a seguridade da cidadanía galega. A súa creación responde á necesidade de reforzo das estruturas da Dirección Saúde Pública derivadas da experiencia da pandemia e permitirá a retención e captación de talento, a través de novas fórmulas de provisión de persoal.

Obxectivos

Entre os obxectivos do Centro Galego de Control e Prevención de Enfermidades estará a implantación de estratexias que permitan o mellor control da enfermidades, trasmisibles ou non trasmisibles así como contribuír á preparación do Sistema público de saúde de Galicia ante riscos e ameazas e coordinar as accións a aplicar, ao tempo que impulsará o traballo en rede coas entidades sanitarias, académicas e de investigación, apostando polo emprego de ferramentas baseadas na intelixencia artificial.

Así, a Consellería de Sanidade potencia un traballo en rede que estea á vangarda en ciencia, calidade e seguridade; e incide nunha resposta rápida aos brotes, a posta en marcha de accións temperás e estratexias de prevención apropiadas e inmediatas. O consellerio de Sanidade, Julio García Comesaña, xunto coa directora xeral de Saúde Pública e o director xeral de Asistencia Sanitaria, presentaron esta mañá ós xefes de Medicina Preventiva e Saúde Pública das sete áreas sanitarias, as liñas estratéxicas deste centro.