
O vindeiro domingo día 16 de xullo ás 9:00 horas comezará no Porto Pesqueiro de Baiona o VI Tríatlon Semi Indoor, organizado pola Concellería de Deportes e Actividades Marítimas, conxuntamente coa Piscina Mancomunada do Val Miñor.
A proba consta de tres partes: a primeira, percorrido a nado de 0.5 km, a segunda parte, percorrido en bicicleta estática pedaleando 10 km, e a terceira parte, correndo polo paseo marítimo ata Santa Marta, cunha distancia de 4 km. A idea é concentrar todo o evento deportivo desde un único punto, o Porto Pesqueiro, para facelo moito máis vistoso e fácil de seguir por parte dos participantes e curiosos.
Estará dividido en tres categorías mixtas, sub-17 (2000-2001-2002-2003), sénior (1999 ata 1977) e veteranos (1976 e anteriores).
A inscrición poderá efectuarse ata o 13 de xullo ás 12:00 do mediodía cun prezo de 5 euros a través da plataforma http://www.championchipnorte.com ou fisicamente no Pavillón Municipal de Deportes de Baiona (deportes@baiona.org – 986 356 558) ou na Piscina Mancomunada da Ramallosa (piscinavalminor@serviocio.es – 986 353 677). O prezo inclúe camiseta conmemorativa, gorro, seguro de accidentes e bolsa de avituallamento.
Haberá trofeos para os tres primeiros de cada categoría, para os vencedores absolutos, o primeiro baionés e primeira baionesa e por equipos. Tamén premio especial para o participante máis novo e para a de máis idade.