Desarticulan unha organización criminal dedicada á explotación sexual de cidadás estranxeiras

O equipo de persoas da UOPJ da Garda Civil de Pontevedra, e o equipo de Policía Xudicial da Garda Civil de Cangas, xunto con Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Vigo-Redondela, pertencentes á Brigada de Estranxeiría, Grupo UCRIF, coordinados pola Fiscalía de Pontevedra, Área de Estranxeiría, deteñen a catro persoas e desarticulan unha organización criminal dedicada á explotación sexual, delitos contra os cidadáns estranxeiros e tráfico de drogas en pisos de citas. A investigación iniciouse en febreiro de 2022, por mor da análise de anuncios de servizos sexuais en distintas páxinas web. Durante meses, intensificáronse as investigacións chegando a localizar e situar diversos pisos en varias zonas da provincia de Pontevedra (Vigo, Pontevedra, Marín, Porriño, Cangas, Sanxenxo), onde se exercía a prostitución.

A Unidade de Policía Xudicial da Garda Civil de Pontevedra, durante o transcurso da investigación recibe unha denuncia dunha posible vítima da organización investigada, chegando así á identificación de novas vítimas, declaradas como testemuñas protexidas, participando activamente nas distintas xestións practicadas por ambos os dous corpos policiais durante os meses que levaron a cabo esta importante investigación criminal. Un dispositivo conxunto de Garda Civil e Policía Nacional, conclúe coa detención de tres mulleres, un home e un investigado non detido, aos que se lles imputan delitos de prostitución coactiva, pertenza a organización criminal, delitos contra dereitos dos traballadores, e tráfico de drogas.

Lévanse a cabo varios rexistros domiciliarios en diferentes localidades, dirixidos polo Xulgado de Instrución número 2 de Cangas (Pontevedra), coordinados á súa vez polo titular da Fiscalía de Pontevedra, Área de Estranxeiría, e que ademais de achegar evidencias aos delitos investigados, conseguiron identificar a potenciais vítimas de explotación sexual. O operativo conclúe coa localización de 5 pisos onde se exercía a prostitución por mulleres estranxeiras, quedando precintados pola Autoridade Xudicial. As mulleres prostituídas nos diferentes pisos de citas investigados atopábanse en condicións abusivas, ao estar obrigadas a exercer a prostitución as 24 horas, sen apenas descansos, e a realizar prácticas insalubres, ademais de incitalas a consumir substancias estupefacientes.

Nos rexistros efectuados nos pisos onde se cometeron estes delitos denotaron o volume de traballo destes anos, cuns beneficios de máis de setecentos mil euros.