Un miñorano percorre dúas variantes do Camiño de Santiago en 15 días

Mesma imaxe con dúas semanas de diferenza, a primeira tras acabar o traxecto desde Ferrol e a segunda desde Sarria. Nas dúas visibiliza a síndrome de Usher.

Daniel Fernández Cerzón, tamén coñecido no Val Miñor como o home dos retos, é un dos veciños da comarca que mellor se coñece o Camiño de Santiago, ou polo menos, un dos que máis distancia percorreu en bicicleta, andando ou correndo por diferentes trazados que levan á capital galega.

Con máis de 800 quilómetros ás súas costas asegura que en todas as ocasións viviu coa mesma intensidade o momento cume, a chegada á praza do Obradoiro. “A sensación é a do obxectivo cumprido, sobre todo ao atoparche con tanta xente cun fin común”, afirma. Séntese un apaixonado destes roteiros e en canto ten máis de dous días libres non llo pensa, bótase a mochila ás costas e bota a andar. Hai dúas semanas completou o Inglés desde Ferrol e a pasada fin de semana o de Sarria, ambos por puro pracer. O primeiro realizouno en dúas etapas, unha de 40 e outra de 66 quilómetros, 19 horas en total, e as súas impresións non foron todo o boas que deberían debido a que o 80% do Camiño discorre por polígonos industriais e zonas asfaltadas. “A pouca xente que me atopei era na súa maioría estranxeira. A experiencia non estivo mal pero botei en falta máis monte”, relata. O segundo foi outro cantar, máis concorrido que o anterior e moita máis riqueza. Nesta ocasión en dúas xornadas de 50 quilómetros e unha última de 20, entre o venres e domingo pasou por Portomarín, Palas de Rei, Melide, Arzúa, O Pedrouzo e Santiago e para iso necesitou 21 horas sen que o cansazo comezase a notarse.

O certo é que para el foron dúas saídas de lecer, como o que vai coller cogomelos un domingo pola mañá se se ten en conta que en 2016 realizou o primeiro dos seus retos, o traxecto de ida e volta Tui-Compostela pedaleando en 11 horas despois de que o seu avó falecese de alzheimer, que participou en tres edicións da carreira 100K entre Carballiño e Santiago con pouco máis de 15 horas ou desde A Guarda, tamén correndo, durmindo en cunetas e comendo como podía, e que cumpriu en 28 horas.

Cada vez que se bota á estrada, movido por lecer ou por algunha meta concreta, xamais se esquece da súa compañeira inseparable, unha licra azul na que se pode ler “Reta3 Síndrome de Usher”. Como creador do movemento leva completados os retos dos últimos cinco anos para visibilizar esta enfermidade rara e que coñeceu de primeira man en 2018. Aínda que ten pendente un co Concello de Gondomar xa está a pensar noutros novos que garante serán diferentes.

Roncesvalles ou o Camiño da Prata, palabras maiores

Daniel Fernández pode considerarse un veterano na praza do Obradoiro. O feito de que chegase ata a Catedral nunha decena de ocasións entre probas deportivas, saídas de lecer ou retos, ben lle merece o recoñecemento de “vello coñecido”, con todo, nunca se liou a manta á cabeza para facer o Camiño desde fóra da comunidade e probablemente non tarde moito en dar o salto. Os seus grandes obxectivos son completar o percorrido desde Roncesvalles e a coñecida como a Ruta da Prata na súa variante a Santiago, pero para iso necesita moitos días. “Son palabras maiores, en distancia equivale a todo o que levo percorrido nestes anos por Galicia”, explica. Ambos teñen unha distancia que oscila entre os 750 e 900 quilómetros divididos en decenas de etapas, aínda que este miñorano pode facerse varias diarias como mínimo necesitaría quince días para completar calquera das dúas, aínda así non é de estrañar que en calquera momento dea a coñecer un novo reto conseguido.