O BNG de Gondomar insta a convocar unha xuntanza para abordar toda a problemática do Ciclo da Auga no concello

O BNG de Gondomar insta ao Goberno local a convocar unha xuntanza na que abordar toda a problemática do Ciclo da Auga no concello. Unha reunión con todos os axentes implicados, incluídas as comunidades de augas e o conxunto da Corporación.

Así mesmo, solicita información acerca de se o plan municipal da seca foi trasladado á Xunta, se foi aprobado e se está vixente, e tamén sobre as medidas adoptadas para facer fronte á situación de escaseza de choivas. Porque máis alá do bando publicado no mes de xullo, “descoñecemos se esas medidas se están a cumprir e que outras se puxeron en marcha nos dous últimos meses”, indica a Portavoz Municipal do BNG, Manuela Rodríguez. E, se ben o Alcalde ten “alardeado” de que Gondomar é o único concello dos arredores que redactou un Plan da Seca, desde o BNG consideran que “máis alá de colgarse a medalla, debería informar á veciñanza de que medidas está a tomar para evitar posíbeis cortes na subministración se a seca persiste”, engade.

O BNG fai estas propostas logo de saber que a Oficina Técnica da Seca da Xunta de Galicia decidiu declarar a situación de alerta por escaseza de auga para os concellos de Baiona e Nigrán. Nomeadamente porque, en anos pasados e en períodos en que a captación propia non foi quen de subministrar todo o caudal necesario, o concello de Gondomar ten botado man da conexión coa rede do Concello de Baiona, situada na zona de Borreiros, que recibe auga da presa de Baíña, un dos sistemas afectados.

Para o BNG, a situación de seca e a súa afectación aos recursos hídricos dos concellos limítrofes, fai preciso reducir drasticamente os baldeos de limpeza e de regos de espazos públicos ou de titularidade municipal, como os xardíns ou instalacións deportivas, e controlar o cumprimento das recomendacións e instrucións para a redución do consumo no ámbito privado á poboación subministrada a través da rede do Concello. Incluída a rede veciñal de Vilaza porque, independentemente da indefinición en que está, razóns de interese público xustificarían a intervención da administración local para garantir a subministración de auga ao conxunto da rede municipal. A este respecto o BNG vén de solicitar do goberno local un informe sobre as medidas e restricións establecidas e sobre os controis que se están a realizar para o seu cumprimento.

A necesaria ampliación da actual captación de auga

Aínda con limitacións, no Plan elaborado polo Concello de Gondomar reflíctense datos obxectivos e preocupantes no que ao abastecemento de auga se refire. Así, informa de que a fonte principal de abastecemento da rede municipal de subministración de auga de Gondomar é o río Miñor, concretamente a captación na unión do río Touteiras co río Morgadáns. Indica tamén que, nos meses de maior seca (xuño a outubro), hai momentos nos que o caudal demandado chega a estar moi próximo ao caudal ecolóxico do río, o que evidencia que a captación existente estaría próxima ao límite da súa capacidade.

Tamén constata unha porcentaxe excesiva de perdas na rede. Mais o que non ten en conta o Plan é que, a maiores, nos pregos da concesión do futuro contrato privado da auga contémplase a incorporación de novos enganches á rede, incluída a poboación da parroquia de Vilaza, mais non prevé ningunha ampliación de captacións de auga.

É por iso que, apelando á Lei galega de medidas de garantía do abastecemento nos episodios de seca que recolle que “as administracións públicas responsables dos sistemas de abastecemento á poboación deberán promover e executar, no ámbito das súas competencias, aquelas actuacións e obras necesarias para garantir o abastecemento á poboación durante un período de seca”, e que cando as entidades locais, “carezan por si mesmas e/ou coa asistencia das deputacións provinciais correspondentes da capacidade técnica e/ou financeira para a execución das obras ou infraestruturas hidráulicas necesarias para garantir o abastecemento no marco dun episodio de seca e/ou dunha situación de risco sanitario, poderán solicitar a colaboración técnica e/ou financeira da entidade pública empresarial Augas de Galicia para a súa execución”, o BNG insta ao goberno local a conveniar coa Xunta as actuacións e obras necesarias para garantir o abastecemento ao conxunto da poboación de Gondomar.