Nigrán inicia a humanización da rúa Gaivota de Panxón cun investimento de 193.544 €

O Concello de Nigrán iniciou esta semana os traballos para humanizar e transformar por completo a rúa Gaivota que discorre polo centro de Panxón para crear un espazo de mobilidade amable acorde cos principios da rede “Ágora” da Deputación de Pontevedra que, precisamente, subvenciona a execución deste tipo de obras. Os traballos, adxudicados a Construcciones Castro Figueiro por importe de 193.544 € a cargo do Remanente de Tesourería, se demorarán durante aproximadamente dous meses e darán un xiro radical na imaxe desta rúa chea de fochas, tramos sen aglomerado e infinidade de tendido aéreo. O obxectivo é crear un núcleo urbano cunha estética homoxénea e coidada, xa que antes do verán acondicionouse a zona de tráfico rodado do paseo marítimo (paralelo a Gaivota, a escasos metros).

“Trátase dunha rúa que discorre polas antigas casas dos mariñeiros, no núcleo de Panxón, e que se atopaba nun estado calamitoso, polo que quixemos humanizala por completo cunha nova imaxe moi coidada e acorde á contorna na que se atopa”, explica o alcalde, Juan González.

Así, os traballos inclúen o troco do pavimento de aglomerado asfáltico por empedrado, diferenciándose visualmente en cada lado a zona peonil da de tránsito de vehículos e mantendo un ancho de calzada fixo de 2,5 metros. Ademais, renovarase por completo a rede de saneamento e abastecemento e trocarase o alumeado mediante tecnoloxía LED en novos báculos e luminarias (actualmente a rede está baseada en puntos de luz ancorados en fachadas ou postes da rede aérea de electricidade, afeando moito a contorna a presenza de múltiple tendido aéreo). Grazas ao emprego de LEDs aumentará a eficiencia enerxética e o aforro grazas á súa longa vida e escaso mantemento. Finalmente, repoñeranse as sinais verticais e engadirase unha de “Rúa Pacificada” no punto de acceso do tráfico rodado.

“Esta rúa residencial dará, sen dúbida, un salto en calidade ao emprenderse unhas obras consecuentes coa súa singularidade e acordes coas que se realizaron precisamente no paseo de Panxón, a escasos metros”, resume o alcalde, Juan González.