
O Concello de Nigrán, a través da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste EuRural e o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño, ofrece este sábado 1 de outubro ás 19:00 horas nas pistas de tenis de Gaifar o concerto de Groovin Folks. A actuación abre a segunda edición do proxecto “Música e Viño no teu Camiño”, unha iniciativa que forma parte do programa “O Teu Xacobeo” impulsado pola Xunta de Galicia e que ten por obxectivo xerar espazos de encontro e de lecer entre a veciñanza, visitantes e peregrinas e peregrinos que estean a facer o Camiño de Santiago nesta época do ano. O trío nigranés de órgano hammond, guitarra e batería interpretará temas de funk/soul/disco dos anos 60 aos 80.
O ciclo de concertos comeza o sábado 1 de outubro coa música de San Rockers, que encherá a Praza Avelino Vicente da Guarda nunha sesión vermú que comezará ás 13:00 horas. O domingo 2 estaba prevista a actuación de Two in the mirror na Casa da Navegación de Baiona ás 13:00 horas, pero por motivos de saúde tivo que ser posposta. Finalmente, o concerto terá lugar o vindeiro 11 de outubro ás 19:00 horas e no mesmo lugar. Todas as actuacións son de balde e nelas poderase desfrutar dos viños D.O. Rías Baixas e da gastronomía local nos establecementos hostaleiros da zona.
Con esta iniciativa EuRural e do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño organizan unha serie de concertos por todo o territorio nos que o público poderá desfrutar da maridaxe de música, viño e gastronomía ao tempo que se potencia a hostalaría e o comercio local. Dende EuRural e o Xeodestino anímase a toda a veciñanza dos concellos do noso territorio e da contorna a achegarse ata A Guarda e Nigrán esta fin de semana, así como aos distintos escenarios e desfrutar de mañás e tardes con sabor a música e viño.