Baiona acolle unha xornada informativa e de orientación sobre o sector do mar

O Multiusos “Ángel Bedriñana” situado na Rúa Carabela Pinta de Baiona acolleu esta mañá unha Xornada Informativa e de Orientación sobre o Sector do Mar. Unha colaboración entre o Concello de Baiona e o Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Ría de Vigo-A Guarda. Nesta xornada ofreceuse unha visión ampla e en detalle, dende un punto de vista técnico e profesional, sobre as oportunidades e nicho de traballo existentes no sector do mar aos que poderán acceder aquelas persoas desempregadas do territorio que, quizais descoñezan esta información ou non a coñezan polo miúdo.

Os obxectivos concretos foron dar a coñecer as saídas profesionais no sector do mar, sobre todo as relacionadas con oficios propios do mar e aquelas para as que non son precisos nin requisito ter unha titulación académica específica, como un Ciclo de Formación Profesional ou un Grao Universitario; poñer en valor os postos de traballo do sector primario do mar e outros vencellados que poden dar cabida a persoas en situación de desemprego; e achegar información sobre como e onde conseguir certos carnés ou títulos para acceder a un posto/oficio no sector da pesca (pesca ou marisqueo).