Anuncios
Ticker de novas

Árbores que manterán vivo o sucedido en Chandebrito

FOTO: PABLO F. ESTÉVEZ // Víctor Manuel Vidal, á esquerda, xunto a un representante da Sociedade de Caza A Amizade de Nigrán.

Dez meses despois dos incendios do pasado mes de outubro e polo que dúas mulleres perderon a vida en Chandebrito vítimas das chamas, a parroquia nigranesa vai aos poucos recobrando a normalidade mentres multitude de entidades tanto públicas como privadas colaboran activamente na reforestación dos seus montes. Unha das iniciativas máis recentes foi a levada a cabo a través da Mancomunidade de montes e da ONG Galicia Ambiental e pola que plantaron medio centenar de exemplares repartidos entre avellanos, acivros, sobreiras, carballos, cerdeiras e castiñeiros nun terreo de 5.000 metros cadrados, procederon á instalación de paneis informativos, a construción dunha zona cuberta de bancos, así como a celebración de obradoiros de concienciación e formación dos seus veciños para que acudan como embaixadores a diferentes municipios galegos, e onde relatarán de primeira man o vivido o pasado 15 de outubro. Ademais, como colofón e coincidindo co primeiro aniversario do fatídico suceso, publicarán un libro no que virá recollido todo o sucedido así como a totalidade das actuacións levadas a cabo nos montes da parroquia.

A inauguración oficial do “Bosque da memoria”, situado xusto debaixo do Castro, levarase a cabo o nove e dez de agosto. Alí desenvolverán unhas xornadas para buscar alternativas á reforestación con especies de rápido crecemento e cuxa resina é altamente inflamable. Víctor Manuel Vidal, presidente da Comunidade de Montes en Man Común de Chandebrito e da Asociación de Veciños O Castro, explicou que para iso serviranse de varios especialistas na materia procedentes da Universidade de Vigo, entre outras entidades, e onde tamén abordarán temas relacionados coa sustentabilidade da contorna. Xa o 10 de agosto celebrarase o acto inaugural dun espazo cargado de alto valor simbólico e ao que acudirán os representantes das partes que participaron nas devanditas actuacións. A iniciativa, financiada integramente pola empresa C&A Modas, contou cun orzamento de 23.000 euros. Vidal, pola súa banda, mostrouse moi agradecido polo xesto mostrado pola entidade privada e fixo fincapé no compromiso que posúe coa contorna, pero tamén quixo trasladar o seu agradecemento ao Concello de Nigrán por colaborar activamente na totalidade das actuacións realizadas, así como ao resto de entidades e centros educativos participantes.

O ocorrido en Chandebrito durante a xornada do 15 de outubro marcou un antes e un despois nun monte que practicamente ardeu por completo, das 460 hectáreas que o compoñen tan só salváronse cinco. Aínda que en contrapartida do sucedido xurdiron iniciativas de carácter espontáneo que se saldaron cun total de 7.000 árbores plantadas, aínda que estas non serán as únicas. Vidal adiantou que teñen planeados novos proxectos e o primeiro deles comezará a semana que vén co semillado de 40 hectáreas grazas á Sociedade de Caza da Amizade de Nigrán, as escavacións na contorna do Castro, financiadas por ENCE; ou a recuperación cinexética doutras catro hectáreas promovidas por Adena, entre outras.

Anuncios