Declaración de Impacto Ambiental negativa para o parque eólico Albariño I na Groba

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia fixo pública este xoves a través da súa publicación no DOG a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático do proxecto do parque eólico Albariño I, promovido por Ceólica Hispania, S.L.U. e que ten por obxecto a execución dun parque eólico de 25,28 MW de potencia total nos concellos de Baiona, Oia e Tomiño, composto por 6 aeroxeradores e a súa infraestrutura asociada (vieiros de acceso e servizo, plataformas de montaxe dos aeroxeradores, gabias do cableado, subestación transformadora 30/132 kV, edificio de control e dúas torres meteorolóxicas, unha temporal e outra permanente). O proxecto inclúe ademais a infraestrutura de evacuación da enerxía producida no parque, composta por unha pequena liña eléctrica aérea a 132 kV, duns 43 m de lonxitude sobre un único apoio metálico, desde a subestación do parque (denominada SET Barrantes) ata a LAT 132 kV Gondomar – O Rosal, que discorre polas inmediacións.

O informe do Instituto de Estudos do Territorio (IET) indica que en base á documentación achegada constátase un forte impacto sobre as Áreas de especial interese paisaxístico Serra da Groba, Corroubelo e Chan da Valga, que resulta crítico toda vez que nesta zona do territorio os aeroxeradores constitúen elementos novos na paisaxe, diminuíndo drasticamente o valor estético e panorámico das citadas AEIP. As medidas preventivas e correctoras propostas (centradas na procura de minorar os impactos sobre o solo no referente á vexetación e á erosión e nos labores de revexetación) non abondan para reducir ou evitar o dito impacto. Conclúe o Instituto que o proxecto producirá uns impactos críticos sobre a paisaxe, que alterarían de forma irreversible os valores das AEIP máis afectadas, sen que tales efectos poidan mitigarse con ningún tipo de medida correctora.

Conclúe a Dirección Xeral que a documentación achegada pon de manifesto a ausencia das consideracións ambientais no deseño do proxecto, detectando aspectos moi singulares e vulnerables que se poden ver afectados de maneira significativa, o que lles leva a considerar a documentación como inadecuada.

No canto a alegacións con contido ambiental, foron presentadas un total de 3.206, por diversas asociacións, plataformas, colectividades varias, comunidades de montes, entidades locais, grupos políticos e particulares, que en sentido amplo versan sobre os valores naturais da Serra da Groba, o patrimonio cultural, a paisaxe, o patrimonio natural e a biodiversidade, a rede hidrolóxica e a calidade das augas, o solo, o impacto acústico, a saúde da poboación, insuficiencia da información contida no EsIA ou deficiente avaliación dalgúns aspectos, cuestións de índole normativa e aspectos relativos ao proxecto orixinal.

Logo de finalizar a análise técnica do expediente de avaliación de impacto ambiental e á vista do que se desprende dos informes do Instituto de Estudos do Territorio e da Dirección Xeral de Patrimonio Natural en canto aos efectos significativos do proxecto sobre a paisaxe e a súa insuficiente integración cos distintos elementos do patrimonio natural e a biodiversidade, considérase que a actuación proxectada non é ambientalmente viable, polo que se propón formular unha declaración de impacto ambiental desfavorable para o proxecto.

A declaración de impacto ambiental non será obxecto de recurso sen prexuízo dos que, se é o caso, procedan na vía administrativa e xudicial fronte o acto de resolución substantiva do procedemento.