Un tramo nocturno e outro en Ponte Caldelas, novidades do 55 Rallye Recalvi Rías Baixas

A 55 edición do Rallye Recalvi Baixas promete ser espectacular para os afeccionados ao mundo do motor. A Escuadra recuperou o formato de competición de pasadas edicións do nacional de asfalto; cinco tramos a dobre pasada distribuídos en dúas xornadas e como gran atractivo, a disputa de, polo menos, un deles en horario nocturno. A proba, que é puntuable para a Copa de España de Rallyes de asfalto (CERA Recalvi), arrancará pasadas as 17 horas do venres 30 de setembro co tramo Vigo-Nigrán, con saída nas inmediacións do Monte Alba e chegada a Chaín. Tras completar os 13,76 quilómetros desa primeira especial, os vehículos afrontarán o tramo Gondomar-Porriño. A segunda pasada a esas dúas especiais comezará ás 20 horas polo que a maior parte dos vehículos veranse obrigados a acender as súas espectaculares grellas de faros para percorrer os case once quilómetros do tramo que une as vilas gondomareña e porriñesa.

O percorrido do sábado presenta como novidade a disputa dun tramo polas estradas do Concello de Ponte Caldelas. Será a primeira das tres especiais que deberán afrontar os participantes nesa última xornada de competición. As outras dúas levarán aos equipos a Fornelos e Salceda. O máis rápido en completar os 125 quilómetros cronometrados subirase ao caixón máis alto do podio desta 55 edición do Rallye Recalvi Rías Baixas nunha cerimonia de entrega de trofeos que se celebrará ás 19 horas do sábado 1 de outubro na Rúa Policarpo Sanz de Vigo.

Vigo, como centro neurálxico

No seu afán por seguir achegando o Rallye aos afeccionados, a Escuadra Rías Baixas decidiu situar, nesa mesma céntrica rúa, o parque pechado e será tamén alí onde se celebre o xoves 29 ás 20.30 horas, a cerimonia de saída. Un acto no que se presentarán todos os equipos rexistrados na proba e, por tanto, unha boa ocasión para palpar as súas sensacións e ver de preto a espectacularidade dos seus vehículos. O centro neurálxico do 55 Rallye Recalvi Rías Baixas situarase nas inmediacións da Praia de Samil. O Verbum acollerá a oficina permanente e os tres aparcamentos máis próximos ao areal, os parques de asistencias.